Oswaldo Digón trae "Outra movida" ao ciclo "Novembro, mes do humor"

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A Casa da Cultura de Fene acolle este venres, 18 de novembro, unha nova sesión do ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o seu aniversario. O protagonista desta terceira sesión, que comezará ás 20 horas, será o actor e monologuista Oswaldo Digón cun espectáculo titulado “Outra movida”, dirixido a público adulto. Entrada de balde até completar o aforo (100 localidades).

“Poucos textos poden mellorar o mellor chiste da historia: dous borrachos entran nun bar e un dille ao outro: - A túa cara sóame de algo - Home! Son o teu irmán. - Non, ho! de Outra Movida!”. Esta é a sensación que Oswaldo Digón ten desde hai algún tempo coa denominada "Nova normalidade". É o mesmo pero... doutra forma. É Outra Movida. “A vida de todo o mundo segue a ser igual pero distinta. A sensación é que todo é novo, que a consciencia social decatouse de que nada é para sempre e iso fainos actuar cunha présa esaxerada por vivir o presente, non vaia ser que todo vaia ao cara***”.

Neste espectáculo Oswaldo Digón conta todo o importante do que viviu e do que está a vivir. Como se fose un testamento de comedia da nova normalidade, desta Outra Movida. Unha comedia de contos baseada en feitos irreais na que todos os personaxes teñen o nome cambiado para que se poidan identificar con facilidade.

OSWALDO DIGÓN

Estudou teatro na academia Casa Hamlet, Improvisación Teatral con ImproMadrid e interpretación coa produtora audiovisual La Tuerka 27. Actor de teatro para as compañías Espello Cóncavo, Teatro da Bufarda e Valacar. Esta última obtivo o Premio Max de teatro en 2013 pola labor adxunta no mundo do teatro.

Participou como cómico de reparto do espectáculo Las noches del Club de la Comedia no Teatro Rialto (Madrid) e Teatro Condal (Barcelona). É responsable do guión e interpretación dos monólogos de comedia Diálogos en 3D (catro temporadas en cartel no Teatro Villarroel (Barcelona) e Gente triste (dúas temporadas no Teatro Muñoz Seca, Madrid). Actor do programa Malo Será! da Televisión de Galicia. Guionista dos programas da TVG: A casa da conexa, Tourilandia, Malo Será! e Malicia Noticias.

Tamén é actor e director de improvisación teatral en Os Duguis Impro e no espectáculo Coleccionistas. Actor no espectáculo de divulgación científica Carbón, creado e dirixido por Xurxo Mariño, actor e creador xunto a Carlos Blanco do espectáculo de comedia Quen dixo medo!. No último ano incorporouse tamén ao elenco de Fariña, o espectáculo teatral, baseado no libro de Nacho Carretero e dirixido por Tito Asorey,

Logo desta terceira función do “Novembro, mes do humor”, o ciclo organizado polo Museo do Humor Xaquín Marín finalizará o venres 25 de novembro, ás 20 horas, con Marta Doviro, e o espectáculo Memorias dunha rapasa de costa.


Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).