A exposición máis “Heteroxénea” de Francisco Pérez Alonso amósase en Fene durante o mes de decembro
Museo do Humor Dixomedíxomes05-12-2022
Ás oito do serán inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Heteroxénea”, do zamorano Francisco Pérez Alonso. Trátase dunha mostra de pintura, escultura e reproducións de instrumentos musicais realizados, a maioría, en madeira. Na pintura, salientan as obras cinéticotemáticas pertencentes ás series “Ferrol cineticotemático”, “Ferrol-Ucha” e “Madrid cineticotemático”. Tamén se inclúen cadros dunha serie libre e esculturas realizadas en pizarra, madeira, aceiro inox ou pedra. A mostra poderá visitarse até o vindeiro 30 de decembro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; os sábados, de 10.00 a 13.00 horas; e domingos e festivos, pechado. A partir do 23 de decembro (inclusive), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas; e os sábados, domingos e festivos, pechado.
Francisco Pérez Alonso é un artista con experiencia en distintas disciplinas artísticas, entre as que salientan a pintura, a escultura, construcción de instrumentos musicais, poesía, música, composición e fotografía. Nado en Toro, Zamora, o 20 de xullo de 1955, na actualidade reside no Concello de Fene. A súa afección pola arte nácelle na infancia, recibindo o seu primeiro premio de pintura aos 10 anos de idade. Comeza así unha carreira artística, inicialmente como entretemento e sen amosar as súas obras en público. En 1983 descobre unha nova técnica de pintura á que denominará moito máis tarde “pintura cinético temática”. Nos anos 2000/2001 volve retomar o traballo en pintura cinético temática, contabilizando a día de hoxe ao redor dun centro de catros neste estilo.
No ano 2010 comeza a relacionarse cun grupo de pintores de Ferrol e a expoñer algúns cadros con eles. En pintura practica todas as técnicas: óleo, cuarela, pastel, acrílico, plumilla, sanguina, grafito, cera…
Realiza esculturas de bronce, pedra, granito, madeira, latón, lousa. E, como luthier, constrúe instrumentos de música como: zanfona, timples canarios, guitarras eléctricas, corpos de violíns, frautas, ukeleles, pandeiretas, sonador (invento propio), rabeles, guitarras acústicas, guitarras españolas, etc.
Como poeta e músico, o artista é convidado a diferentes certames nos que amosa as súas dotes artísticas e recibe varios premios de poesía. Participa e colabora na revista poética Azar; no boletín literario e de cultura O faladoiro; no recital colectivo Moraima; en Narart, Asociación Narón Amigos da Arte; en Poesía Salvaxe de Ferrol…
Entre as súas exposicións de pintura, salienta o “primeiro camiño de Santiago da pintura”, inaugurado en febreiro de 2013 en Ferrol, mostra que viaxou por toda Galicia. Ou a máis recente -e importante da súa carreira- que consta de 20 cadros sobre a temática de Ferrol de Rodolfo Ucha Piñeiro.
Especial importancia teñen os seus traballos de arte en pintura cinética (pintura en movemento), elaborados con tinta chinesa cunha técnica patentada en 2019. Consiste en realzar un tema dentro da pintura cinética, adicada exclusivamente a un campo en concreto ou a unha serie de temas relacionados entre sí como poden ser os inmobles arquitectónicos ou referenciales nunha cidade ou lugar.
Como corresponde aos tempos actuais, Francisco Pérez ten perfís nas redes sociais: Linkedin, Facebook, Instagram ou Youtube. (María José Caneda García).