A exposición do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica recala en Fene
Museo do Humor Dixomedíxomes23-04-2023
A Casa da Cultura de Fene acolle até o vindeiro martes 2 de maio a exposición fotográfica do XVI Premio Luís Ksado que promove a Deputación da Coruña. A mostra recolle os traballos premiados e os finalistas deste certame que no ano 2022 gañou o fotoxornalista Brais Lorenzo cunha serie titulada Lume. Nela cóntase o drama dos incendios forestais, facendo fincapé na traxedia humana que supoñen. Tamén se amosan as obras dos finalistas: Escoria Rebelde, de Fuco Reyes, Europa not welcome, de Sergi Cámara, Máscaras del carnaval gallego. Festival Vibo 2022, de Carlos Ximénez, Paisaje de Inexistencia, de Belén Lozano e Vulcanonautas, de Arturo Rodríguez. Andrea Costas, Maria Phyliss, Silvia Omedes, Judith Prat, Eduardo Rodríguez e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, conformaron o xurado.
A exposición do XVI Premio Luis Kasado poderá visitarse en Fene ate o día 2 de maio no seguinte horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; sábados, de 10.00 a 13.00 horas, e domingos e festivos, pechado.
Doce fotos en cor compoñen a colección "Lume" coa que o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo resultou gañador do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica. O xurado do galardón convocado pola deputación Provincial da Coruña salientou sobre a serie gañadora a actualidade do tema "contado nunha secuencia que visualiza o drama humano e mais o ecolóxico. Todo na liña do máis puro fotoxornalismo, onde a narrativa visual fai fincapé nas persoas que viven intres de tensión". Tamén resalta "a capacidade do autor para narrar visualmente unha historia en imaxes, xa que a colección ten unha narrativa exquisita que amosa unha proximidade física ao tema non só nos momentos do incendio, senón despois, as consecuencias; funciona moi ben como serie pola súa coherencia, mais cada foto é unha historia por si mesma; son fotos moi expresivas".
Brais Lorenzo (Ourense, 1986) é Técnico Superior de Fotografía pola Escola de Arte Superior e Deseño Antonio Faílde de Ourense e graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo. Desde o ano 2010 traballa como colaborador da Axencia EFE e do periódico Faro de Vigo.