A IV Mostra do alumnado Laudas Calamity xirará sobre a “Arte e trastornos mentais”
Museo do Humor Dixomedíxomes27-06-2023
Vinte e tres proxectos expositivos compoñen a mostra do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se inaugura este venres, 30 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A exposición ten como obxectivo “sensibilizar aos novos públicos sobre os trastornos mentais, un tema difícil e doloroso sobre o que aínda existen moitos medos, tabús, estigmas...”. Ao redor da mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 16 de agosto, a responsable do Laboratorio, Laura Bouza, anuncia unha charla sobre a “Arte e trastornos mentais” a cargo do profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego. A conferencia será o venres 14 de xullo ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.
A exposición “Arte e trastornos mentais” incluirá obras que abordan esta temática como a depresión, as adiccións, as fobias, o TOC, o bulling (como conducta e consecuencia de trastornos), o TCA, etc. Nela terán cabida disciplinas coma o video arte, as instalacións, a escultura, o debuxo ou a pintura. Tamén incluirá “híbridos entre distintas disciplinas coma por exemplo o fotodebuxo (falando sobre a adicción á maquillaxe).
Como complemento da exposición, o Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity presentará o día da clausura da mostra, o 16 de agosto ás 12.00 horas, o catálogo da exposición, realizado coa colaboración de SonRadiofusión. Así, todas as persoas que se fagan colaboradoras da rede (un euro ao mes) recibirán un exemplar do devandito catálogo de xeito gratuíto.
Laudas Calamity
Ubicado en Fene, o Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity é un centro especializado en contidos artísticos e educativos. “É un espacio polivalente onde teñen cabida todo tipo de actividades culturais relacionadas coas artes plásticas e o mundo audiovisual”. Neste centro impártense clases de educación artística, pintura e debuxo, xunto con talleres especializados para todas as idades. Trátase dun espazo “onde se fomenta a imaxinación e a creatividade, onde se promoven as ideas e o pensamento crítico a través das actividades relacionadas coas artes plásticas e o audiovisual”.
Nos últimos anos, desde Laudas Calamity realizaron diferentes exposicións nas que o número de participantes foi medrando de xeito exponencial até chegar na actualidade aos 150 artistas integrantes. Exposicións como “Animalario /Libros de Artista”, “Yokai” ou “Visiones de Fene” serviron para profundizar e revisar o significado expositivo no ámbito infantil/xuvenil, onde “tentamos poñer en valor os contidos cos que traballamos e a formación académica a través da Arte”.
Alberto Ruiz de Samaniego (Fene, 1966)
Profesor titular de Estética e teoría das artes da universidade de Vigo. Doutor en Filosofía pola Universidade Autónoma de Madrid. Coordinador do Máster de Arte Contemporánea: investigación e creación da Universidade de Vigo. Foi Director da Fundación Luís Seoane da Coruña (2008-2011). Crítico cultural e comisario de exposicións. Premio Espais á crítica de arte. Comisario do Pavillón Español da 52 Edición da Bienal de Arte de Venecia. Publicou varios libros e comisariado exposicións dos artistas Antón Lamazares, Luís Seoane, Xesús Vázquez, Chema de Luelmo e Manuel Vilariño, así como diversas colectivas de arte contemporánea.