Borja Ramón López Cotelo, Lucía Rodríguez Cid e Iván Mouronte Barreiro son os gañadores do XXVII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor
Museo do Humor Dixomedíxomes06-07-2023
Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mércores, 5 de xullo, no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucía Rodríguez Cid o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mouronte Barreiro o 1º premio na recén estreada categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, resultaron finalistas do certame Manuel Arriaga de León (Curuxa), Adrián Jamardo Fernández (Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo (Caricatura). E reciben mención especial polos seus traballos os debuxantes Carles Ponsí Dalfó (Curuxa) e Asier Sanz Nieto (Caricatura)
O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Santy Gutiérrez, Manuel A. Vázquez Búa (gañador do 2º premio Curuxa 2022) e Pedro Bouza Bernárdez (gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022).
O gañador do 1º Premio Curuxa 2023, Borja Ramón López Cotelo (máis coñecido polo pseudónimo de “El primo Ramón”) presentou ao certame un debuxo titulado “Turistificación”. O xurado valorou desta obra “a actualidade do tema xa que aborda un problema real e moi actual, o impacto gráfico, o acertado do texto e a carga emocional que suxire”. O premio está dotado con 2.500 € e diploma.
Asemade, o xurado acordou nomear finalista na categoría Curuxa, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentados por Manuel Arriaga de León, co título “A atención primaria”. E outorgou unha mención especial a Carles Ponsí Dalfó pola obra titulada “Dejar de ser”.
O 1º Premio Curuxa Nova -dotado con 1.500 € e diploma- foi nesta edición para Lucía Rodríguez Cid por un debuxo presentado co título “Pesca de baixura”. Na súa análise, o xurado salienta “o feito de que aborda un tema global (a contaminación, os océanos, as cotas de pesca...) tratado de xeito local e con retranca galega. Tamén salientou a calidade do debuxo e da cor”.
Asemade, o xurado acordou nomear finalista na categoría Curuxa Nova, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentado por Adrián Jamardo Fernández co título “Peregrinaxe hostil”.
Por último, recibe o 1º Premio na categoría Caricatura -dotado con 1.500 euros e diploma- o traballo presentado co título “Microgayoso”, de Iván Mouronte Barreiro. O xurado valorou “a escolla dun personaxe icónico en Galicia, moi recoñecible, e que a obra aporta unha historia máis alá do mero parecido. Tamén salientou a resolución técnica da mesma e que é unha caricatura moi divertida”.
Asemade, o xurado acordou nomear finalista na categoría Caricatura, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentados por Ivan Mata Tamayo, co título “Charles III”. E outorgou unha mención especial ao traballo presentado por Asier Sanz Nieto, co título “Carlos III”
Organizados pola Concellería de Cultura de Fene, os Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do Estado), ademais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor Xaquín Marín, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
O alcalde e presidente do xurado, Juventino J. Trigo, avanzou esta mañá que no último trimestre do ano o Museo do Humor Xaquín Marín acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria (77 en total, dos cales 44 participaron na categoría Curuxa, 13 na categoría Curuxa Nova e os 20 restantes na categoría Caricatura). Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase nesas datas unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso nesta edición.