O humorista David Perdomo abre este venres o "Novembro, mes do humor" do Museo do humor Xaquín Marín
Museo do Humor DixomedíxomesCon este ciclo, o museo fenés conmemora o 39º aniversario da súa inauguración, o 25 de novembro de 1984
31-10-2023
Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2023 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
A primeira actuación do “Novembro, mes do humor”, este venres, correrá a cargo do monologuista David Perdomo cun espectáculo titulado “Level UP” no que fai sátira da sociedade apoiándose en personaxes arquetípicos cargados de franqueza e, sobre todo, espontaneidade.
David Perdomo considérase músico por enriba de calquera outra profesión, pero media Galicia coñéceo logo de diferentes aparicións nos programas de máxima audiencia da Televisión de Galicia, onde encheu centos de sketchs co seu irreverente e particular xeito de facer comedia. Na actualidade participa no programa de Televisión Española, La noche D, con Dani Rovira e en Catro Gatos, na Televisión de Galicia, xunto a Xosé A. Touriñán, Fátima Pego e Noemi Rodríguez.
A segunda sesión do “Novembro, mes do humor” será o venres 10 de novembro e contará con Oswaldo Digón, presentando “Ansia viva”. Neste espectáculo de comedia, Oswaldo Digón mestura o seu estilo de cómico de stand-up coa súa dilatada experiencia como improvisador teatral, creando unha historia que en cada espectáculo transcorrerá dunha forma distinta facendo que cada show sexa único e irrepetible. Oswaldo estará acompañado no escenario dun guitarrista de renome como é Luís Tinaquero, que sumará ao espectáculo a música en directo. Un elemento fundamental na dinámica deste divertido show de comedia. “Ansia Viva” é un texto que fala con moito humor e liberdade de algo moi persoal, e que todas e todos padecemos ou padecemos nalgunha ocasión, a ANSIEDADE.
Oswaldo Digón estudou teatro na academia Casa Hamlet, Improvisación Teatral con ImproMadrid e interpretación coa produtora audiovisual La Tuerka 27. Actor de teatro para as compañías Espello Cóncavo, Teatro da Bufarda e Valacar. Esta última obtivo o Premio Max de teatro en 2013 pola labor adxunta no mundo do teatro. Tamén participou como cómico de reparto do espectáculo Las noches del Club de la Comedia no Teatro Rialto (Madrid) e Teatro Condal (Barcelona). É responsable do guión e interpretación dos monólogos de comedia Diálogos en 3D (catro temporadas en cartel no Teatro Villarroel (Barcelona) e Gente triste (dúas temporadas no Teatro Muñoz Seca, Madrid). Actor do programa Malo Será! da Televisión de Galicia. Guionista dos programas da TVG: A casa da conexa, Tourilandia, Malo Será! e Malicia Noticias.
O “Novembro, mes do humor” continuará o venres 17 de novembro con ISI actuando na Casa da Cultura de Fene e presentando “Ponte con monadas”. Neste espectáculo, Isi tráenos as historias sobre unha particular familia con tres nais e os seus histriónicos veciños. Contadas cun falar rápido e nervioso, a marca da casa de Isi, e inzada de anécdotas e chistes da particular visión da vida e o seu entorno da que Isi sempre fai bandeira.
O instinto cómico de José Manuel Rodríguez, máis coñecido como Isi, permaneceu durante anos agochado no ámbito doméstico natal ata que un bo día gañou o televisivo concurso de chistes O Rei da Comedia. Desde entón, milleiros de espectadores poden gozar na televisión, na radio ou nos escenarios da arte de Isi para convertir os momentos cotiás en memorables anécdotas coas que escachar da risa.
O ciclo pechará o venres 24 de novembro cun monólogo a cargo de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, titulado “Restricións”. A actuación uniu a Ledicia, Carmen e Marta. Logo de varios anos actuando en cinema, teatro e televisión, as tres unen forzas neste espectáculo de humor no que nos contan as súas propias películas sobre temas dispares e disparatados: o amor, as drogas, o Apóstolo Santiago, o vexetarianismo, a Costa da Morte, ligar nos nosos tempos ou a química! Tres mulleres que apostan por rir de si mesmas, non tomar as cousas demasiado en serio e vivir nun estado permanente de euforia, taquicardia, risas e adrenalina. Sempre con moito humor e unha pouca música. A fin de contas, non hai nada Mellor no mundo que vivir Sen restricións!
Marta Doviro leva máis de 10 anos sobre os escenarios e fronte ás camaras nos que acumula varias facetas: actriz, presentadora, cómica e o que lle boten. Ten participado en películas, curtametraxes, webseries e series da Televisión de Galicia con papeis relevantes en: Pazo de Familia, A lei de Santos ou Luci.
Carmen Méndez estudou interpretación na escola Réplika Teatro e formouse con Fernando Piernas. Tamén estudou voz con Vicente Fuentes e realizou cursos con numerosos profesionais como Fernando Franco ou Montxo Armendáriz. Estudou tamén oito anos violín no Conservatorio Profesional de música de Lugo e é enxeñeira química.
Traballa en teatro, cine e televisión.
Ledicia Sola foi gañadora do Premio “Mestre Mateo a Mellor Actriz de Reparto” pola película Os fenómenos de Alfonso Zarauza. Ledicia é coñecida polo gran público grazas a películas como El patio de mi cárcel de Belén Macías, A Esmorga de Ignacio Vilar, ou series de TV como Gran Reserva, Amar es para siempre e Seis Hermanas. É unha protagonista habitual na Televisión de Galicia en series como Pazo de familia, Serramoura, Os Atlánticos, Rias Baixas ou O Nordés.