14-11-2023
Continúa o “Novembro, mes do humor” no Museo do Humor Xaquín Marín. Tralas citas con David Perdomo e Oswaldo Digón, o ciclo organizado ao redor do aniversario do museo fenés anuncia este venres, 17 de novembro, ao humorista ISI cun espectáculo titulado “Ponte con monadas”. A función comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural)
En “Ponte con monadas”, Isi tráenos as historias sobre unha particular familia con tres nais e os seus histriónicos veciños. Contadas cun falar rápido e nervioso, a marca da casa de Isi, e inzada de anécdotas e chistes da particular visión da vida e o seu entorno da que Isi sempre fai bandeira.
O instinto cómico de José Manuel Rodríguez, máis coñecido como Isi, permaneceu durante anos agochado no ámbito doméstico natal ata que un bo día gañou o televisivo concurso de chistes O Rei da Comedia. Desde entón, milleiros de espectadores poden gozar na televisión, na radio ou nos escenarios da arte de Isi para convertir os momentos cotiás en memorables anécdotas coas que escachar da risa.
O “Novembro, mes do humor” pechará o venres 24 de novembro cun monólogo a cargo de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, titulado “Restricións”.