Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola pechan este venres o Novembro, mes do humor
Museo do Humor Dixomedíxomes21-11-2023
Coincidindo practicamente co seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín anuncia para este venres o derradeiro espectáculo do “Novembro, mes do humor”, ciclo de monólogos polo que pasaron ao longo das últimas semanas tres dos mellores humoristas galegos do momento: David Perdomo, Oswaldo Digón e Isi. Para esta última sesión, o escenario da Casa da Cultura de Fene está reservado para as actrices e cómicas Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola co seu espectáculo “Restricións”.
A función comezará o venres 24 de novembro ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
A actuación uniu a Ledicia, Carmen e Marta. Logo de varios anos actuando en cinema, teatro e televisión, as tres unen forzas neste espectáculo de humor no que nos contan as súas propias películas sobre temas dispares e disparatados: o amor, as drogas, o Apóstolo Santiago, o vexetarianismo, a Costa da Morte, ligar nos nosos tempos ou a química!
Tres mulleres que apostan por rir de si mesmas, non tomar as cousas demasiado en serio e vivir nun estado permanente de euforia, taquicardia, risas e adrenalina. Sempre con moito humor e unha pouca música. A fin de contas, non hai nada Mellor no mundo que vivir Sen restricións!
Marta Doviro leva máis de 10 anos sobre os escenarios e fronte ás cámaras nos que acumula varias facetas: actriz, presentadora, cómica e o que lle boten. Ten participado en películas, curtametraxes, webseries e series da Televisión de Galicia con papeis relevantes en: Pazo de Familia, A lei de Santos ou Luci.
Carmen Méndez estudou interpretación na escola Réplika Teatro e formouse con Fernando Piernas. Tamén estudou voz con Vicente Fuentes e realizou cursos con numerosos profesionais como Fernando Franco ou Montxo Armendáriz. Estudou tamén oito anos violín no Conservatorio Profesional de música de Lugo e é enxeñeira química.
Traballa en teatro, cine e televisión. Ledicia Sola foi gañadora do Premio “Mestre Mateo a Mellor Actriz de Reparto” pola película Os fenómenos de Alfonso Zarauza. Ledicia é coñecida polo gran público grazas a películas como El patio de mi cárcel de Belén Macías, A Esmorga de Ignacio Vilar, ou series de TV como Gran Reserva, Amar es para siempre e Seis Hermanas. É unha protagonista habitual na Televisión de Galicia en series como Pazo de familia, Serramoura, Os Atlánticos, Rias Baixas ou O Nordés.