Fene participa na exposición conxunta dos Centros Museísticos de Ferrolterra
Museo do Humor Dixomedíxomes22-02-2024
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira
O Museo do Humor Xaquín Marín participa xunto con outros 12 espazos museísticos da bisbarra nunha mostra colectiva que se poderá ver até o vindeiro 12 de maio no Museo Naval de Ferrol. Na mostra están representados, amais do museo de humor gráfico fenés e Museo Naval, o Museo da Construcción Naval “Exponav”, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, o Museo Pérez Porto, o Centro de Interpretación A Mina, o Torreón dos Andrade, a Casa do Mel, os museos etnográficos da Capela e Monte Caxado, o Centro de Interpretación de Caldoval, o Museo do Surf e o Arqueódromo da UDC.
A exposición Museos de Ferrolterra inaugurouse este xoves nun acto ao que asistiu o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira. Tamén estiveron presentes o almirante xefe del Arseal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz, os alcaldes de Ferrol, Mugardos, Pontedeume e A Capela; e a vicerreitora da Universidade da Coruña. E, en representación do museo anfitrión, exerceron como mestres de cerimonia Kiko Romeo (comisario da mostra) e Jaime Antón Viscasillas.
As persoas que desexen visitar a exposición e coñecer a ampla oferta patrimonial e cultural destes 13 museos de Ferrolterra poderán facelo até o vindeiro 12 de maio no Museo Naval de Ferrol (r/ Irmandiños, edificio Herrerías) en horario: de martes a venres, de 9:30 a 13:30, e os sábados, de 10:30 a 13:30 horas.
Esta mostra é froito das xuntanzas que veñen mantendo desde hai algún tempo representantes de practicamente todos os centros museísticos de Ferrolterra. Encontros que fructificaron en primeiro termo coa publicación no mes de maio de 2023, coincidindo co Día dos Museos, dun tríptico que recolle información e sitúa no mapa da bisbarra os distintos centros integrados nesta rede colaborativa. O documento xa está dispor dos visitantes de calquera destes museos para que poidan coñecer a ampla oferta museística da zona.
Por iniciativa de Secundino García, responsable do Museo Etnográfico da Capela, a rede de Centros Museísticos de Ferrolterra botou a andar en novembro de 2022 cunha primeira xuntanza celebrada nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene e coa participación de representantes de cinco espazos museísticos da bisbarra. A proposta inicial, á que se foron sumando os restantes centros da contorna, era procurar fórmulas de colaboración e dotar de maior visibilidade aos centros museísticos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.