Os debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón completan o xurado formado pola responsable do museo fenés e o da editorial coruñesa

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial darán a coñecer o 20 de maio os debuxos gañadores do concurso Demo Pequeno

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Até o 30 de abril está aberto o prazo de presentación de obras para o concurso de bd infantil e xuvenil

Na recta final do prazo estipulado para a presentación de debuxos, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial avanzan as datas nas que se reunirá o xurado e se dará a coñecer o fallo do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. A coordinadora do museo fenés, Almudena Marcos, o responsable da editorial coruñesa, Manel Cráneo, e os debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón formarán o xurado desta segunda edición do certame que convocan o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, e Demo Editorial. En primeiro lugar, o xurado reunirase o xoves 9 de maio para avaliar os debuxos presentados ao certame (cuxo prazo finaliza o 30 de abril) para logo dar a coñecer o fallo na xornada do luns 20 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos. O anuncio realizarase a través da páxina web e redes sociais do Museo do Humor Xaquín Marín, Demo Editorial e medios de comunicación.

O premio Demo Pequeno convócase co obxectivo de “achegar aos escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”. Trátase, polo tanto, “dunha aposta en firme polas novas xeracións e polos futuros creadores/as”. O certame vai dirixido a mozos/as de 8 a 16 anos que poden participar a título individual ou por equipos de dúas persoas (guionista+debuxante). Nesta segunda edición contémplanse os seguintes premios:

Categoría Infantil (de 8 a 11 anos)
• 1er Premio, dotado con 100€ en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma.
Categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)
• 1er Premio, dotado con 100€ en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma.

Logo da xuntanza do xurado e do anuncio do fallo, a entrega de premios terá lugar na primeira quincena do mes de xuño, nas instalacións do museo fenés. Os traballos gañadores e finalistas (no caso de habelos) e unha selección dos presentados ao concurso figurarán na exposición que organizará o Museo do Humor Xaquín Marín nos meses de xuño-xullo deste ano.

O XURADO

INÉS VÁZQUEZ
Autora de cómic e ilustradora. Estudou bacharelato artístico no IES Durmideiras da Coruña. Despois de pasar un ano estudando Comunicación Audiovisual na Coruña, apostou polo mundo da ilustración e os cómics e cursou tres anos na escola O Garaxe Hermético (Pontevedra). Tras participar en diversos fanzines e colaborar en proxectos de ilustración, deu o salto ao mundo da animación facendo ilustracións preparatorias (layouts) para Lighthouse Studios (Irlanda). A súa primeira novela gráfica, Aldara: a lenda do cervo branco foi galardoada co Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 Anteriormente, tamén acadara senllos segundos premios no certame Xuventude Crea, en 2016 e 2015.
Obras destacadas e/ou colaboracións:
• Onda vital (fanzine), Baixo Terra, 2023
• Pratos combinados (fanzine), Baixo Terra, 2022
• Aldara: a lenda do cervo branco (novela gráfica), Demo Editorial, 2021
• If You Give a Mouse a Cookie (serie de animación: layouts), Amazon Prime, 2020
• Licor café (cómic), Demo Editorial, 2017
• Escenarios da Prehistoria (exposición: ilustración), Museo de Pontevedra, 2016
• 221BD (cómic), Retranca Editora, 2015
• A vila dos debuxantes do norte (cómic), Retranca Editora, 2014

VÍCTOR BOULLÓN
Naceu en Compostela en 1979. Estudou na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense. Ten feito traballos de deseño, carteis, portadas de libros e ilustracións para publicidade. É autor de Aleida, cidade sen alma (Demo Editorial, 2015).

Obras destacadas e/ou colaboracións:
• Soños (álbum ilustrado), de Pere Tobaruela e Víctor Boullón (ilustracións), Alvarellos Editora Técnica, 2021
• Aleida II. Cruzada (banda deseñada), Demo Editorial, 2020
• Trabellos. Lume no ceo: 1, , de Pere Tobaruela e Víctor Boullón (ilustracións), Baía Ed., 2019
• Auga e lume (narrativa infantil e xuvenil), de Pere Tobaruela e Víctor Boullón (ilustracións), Ed. Baía, 2018. Obra gañadora do VIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira 2018
• A boa e a avoa (narrativa infantil e xuvenil), de Pere Tobaruela e Víctor Boullón (ilustracións), Ed. Embora, 2018