A Asociación Exin Castillos e West cede ao Museo do Humor Xaquín Marín unha maqueta da popular historieta 13 rúe del Percebe, de Francisco Ibáñez
Museo do Humor Dixomedíxomes27-06-2024
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o autor da maqueta, Fran Guerra, asinaron este xoves o convenio de cesión polo que a peza pasa a expoñerse nas instalacións do museo fenés. Tamén asistiu ao acto o concelleiro de Cultura Justo Ardá.
A maqueta, que se pode ver xa na sala de Banda Deseñada (3º andar da Casa da Cultura) está realizada con pezas do antigo xogo de construcción Exin Castillos e nela adáptase e reprodúcese unha das macroviñetas do edificio de apartamentos ubicado en 13 rúe del Percebe e a peculiar comunidade que o habita.
Así, en 13 rúe del Exin, o autor da peza, Fran Guerra, incorpora nas distintas vivendas esceas épicas (HistoreX), de indios e vaqueiros (Exin West) e mesmo hai unha Mansión Monster. Tamén se fan referencias a persoaxes populares coma Robin Hood ou Shrek e aos míticos Mortadelo e Filemón de Ibáñez.
Exin Castillos é un xogo de construción dos anos 70-80 “que está nos recordos dos que nacemos daquela e permanece vivo grazas ós afeccionados que seguen construíndo con el e facendo exposicións. Nos últimos anos foi reeditado co nome de “NG Castillos” e, da man da impresión de pezas 3D, vive unha nova e prometedora etapa.
A Asociación Exin Castillos e West está formada actualmente por uns 40 socios dos que 7 están en Galicia. A súa finalidade é a promoción do xogo de construción por medio de exposicións e a asistencia a feiras e eventos en todo o país.