O humorista e actor Pepo Suevos abre este venres o "Novembro, mes do humor" no Museo Xaquín Marín de Fene
Museo do Humor Dixomedíxomes07-11-2024
Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2024 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
A primeira actuación do “Novembro, mes do humor”, o venres 8 de novembro, correrá a cargo do humorista e actor ferrolán Pepo Suevos cunha función titulada “Á caída”. Trátase dun espectáculo “totalmente improvisado e interactivo, no que a información que ofreza o público será a que irá compoñendo o contido, así que no caso de tocar temas escabrosos, o público será o culpable (ou cando menos, cómplice). E por suposto, se se tratan os temas “de sempre”, será o auditorio o que peque de pouco orixinal, e nunca o tipo do escenario, que ten que estar áxil e receptivo para que a pelota non caia ó chan. Así que Pepo Suevos recolle todo isto e presenta un show aberto, atrevido, arriscado e sobre todo, moi divertido, no que cada función será única, xa que todo o que aconteza durante o espectáculo, irá xurdindo Á Caída”.
A segunda sesión do “Novembro, mes do humor” será o venres 15 de novembro e contará con Leti da Taberna presentando “Enredada”, o seu primeiro monólogo no que “explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada enche o escenario de luz e enerxía, provocando que a espectadora se vexa identificada coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesma”.
O “Novembro, mes do humor” continuará o venres 22 de novembro con Avelino González actuando na Casa da Cultura de Fene e presentando “Eran ellas!”. Neste espectáculo, Avelino lembra que “os príncipes azuis son un invento moderno. Antes de que os Grimm, Perrault, Andersen ou Walt Disney collesen eses contos, as mozas pelexaban con dragóns, as vellas salvaban ós novos, Isolda valíase sen Tristán, as princesas ... Antes de que eses contos fosen adaptados á moral, a tradición era máis plural e irreverente. Máis divertida, vaia. E ser home era máis descansado!”
O ciclo pechará o venres 29 de novembro cun monólogo, “Contos de defuntos (e outros asuntos)”, a cargo de Brais das Hortas. Serán “contos de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non era tan santa, de aparecidos e visións... de todas estas causas que rodean a vida e a morte en Galicia, e das que nunca está de máis falar un pouco. Porque o mundo cambia. O noso mundo, o dos vivos... e quen sabe se o dos mortos tamén cambiou! Porque, aínda que haxa luz eléctrica, nunca se sabe onde se che pode aparecer algo…”