12-05-2026
No marco da VI mostra do alumnado Laudas Calamity que se amosa na Casa da Cultura, a escola de arte fenesa e o Museo do Humor Xaquín Marín convidan a nenos e maiores a participar este venres, 15 de maio, na creación dunha obra artística colectiva inspirada na obra de Henri Matisse. O obradoiro, cunha duración aproximada de hora e media, comezará ás 17 horas na sala de exposicíons temporais da Casa da Cultura. Vai dirixido a persoas de todas as idades a partir dos 5 anos (os nenos/as de 5 a 7 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta). Para inscribirse cómpre enviar -antes do venres ás 14.00 horas- un correo electrónico a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto.
Segundo explica Laura Bouza, mestra e fundadora do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, “este obradoiro ten como obxectivo crear unha obra colectiva, un mural, inspirado na obra da última etapa de Henri Matisse, na que publicou a obra Jazz”. A actividade comezará cunha pequena charla sobre o fauvismo e Mattise, centrándose sobre todo na última etapa artística do pintor francés, para pasar a abordar tamén algunhas cuestión sobre o concepto de composición e sobre os distintos tipos de abstracción.
A continuación, os/as participantes recortarán papeis de cores, farán formas e, entre todos/as chegarán a unha composición que dará como resultado final un mural. O taller Debuxando con tesoiras está integrado dentro da exposición “Antes da obra… El entre-namiento”, que se amosa na Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín “como unha maneira máis de sacar Laudas do propio centro”.
