PREMIOS CURUXA 2026
O Museo do Humor Xaquín Marín dará a coñecer este mércores as obras gañadoras dos Premios Curuxa 2026
Museo do Humor Dixomedíxomes13-07-2026
O Museo do Humor Xaquín Marín anuncia que este mércores 15 de xullo está prevista a xuntanza o xurado do concurso de humor gráfico e caricatura Premios Curuxa 2026. Os humoristas graficos Xaquín Marín, Luís Davila e Carlos López (Pinto&Chinto) e a responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos (que actuará en calidade de secretaria) compoñen nesta edición o xurado do certame que se reunirá o mércores ás 11.00 horas no museo fenés para avaliar as obras presentadas. O mesmo día, ao longo da tarde, darase a coñecer o fallo a través da páxina web e redes sociais do Concello de Fene e Museo do Humor Xaquín Marín.
O XURADO
XAQUÍN MARÍN, humorista gráfico e fundador do Museo do Humor
(Ferrol, 1943) Humorista gráfico, debuxante, ilustrador, caricaturista. Nado en Ferrol aínda que afincado dende sempre no Concello de Fene onde fundou en 1984 o Museo do Humor, único do seu xénero en Galicia e un dos poucos que existen no mundo.
É un dos humoristas gráficos galegos máis relevantes das últimas décadas e, sen dúbida, un dos máis innovadores, creador dun estilo tan persoal como galego, arraigado na tradición plástica de Galicia. Foi ademais un dos pioneiros do cómic galego despois de 1936: autor da primeira tira cómica publicada na prensa galega (“O emigrante”, Chan, 1971) e coautor –xunto con Reimundo Patiño– do primeiro álbum de banda deseñada galega (2 viaxes, 1975).
Colaborou, entre outras publicacións galegas, con Chan, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego ou La Voz de Galicia (onde até hai pouco debuxou unha viñeta diaria desde 1988); e coas publicacións madrileñas Hermano Lobo, La Codorniz, Interviú, Posible, Diario 16, Pueblo e SP. Fóra de España, a súa obra foi publicada en xornais como os franceses Le Telegramme (Morlais) e Ouest-France (Rennes), o portugués Trevim (Lousã) –no seu suplemento Bronkit– e o mexicano Norte (Monterrey).
Recibiu numerosos e prestixiosos premios, tanto dentro como fóra de Galicia: o Premio Galicia de Xornalismo (1984 e 1989), o Premio Galicia de Comunicación (1996 e 1997), o Premio da Crítica Galicia de Artes Visuais (2015) ou o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2013. Tamén recibiu o Premio Paleta Agromán (1982 e 1991) e as distincións de Profesor Honorario de Humor na Universidade de Alcalá de Henares (1994) así coma o Notario de Humor na Universidade de Alacant (2006). Internacionalmente, recibiu o 1.º Premio na Bienal de Humor e Sátira nas Artes de Gabrovo, Bulgaria (1987), e o Trofeo de Banda Deseñada Amadora no Festival Internacional de Banda Deseñada Amadora, Portugal (2014).
Ademais, foi membro do xurado dalgúns dos concursos de humor gráfico máis prestixiosos do mundo, como o Salão Internacional de Humor de Piracicaba (Brasil) ou, en Portugal, o PortoCartoon World Festival, no Porto, e o World Press Cartoon, en Lisboa.
LUIS DAVILA, humorista gráfico e pintor
(Bueu–Pontevedra, 1972) Medrou influenciado pola costa das Rías Baixas. O debuxo foi a súa paixón desde a infancia; desde moi novo, as súas inclinacións artísticas levárono a participar como ilustrador en varias publicacións locais, así como a crear numerosas pinturas murais. Ao mesmo tempo, aventurouse no campo da ilustración e o deseño.
Ilustrador, deseñador, humorista gráfico e pintor. Estudou Deseño Gráfico na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Pablo Picasso da Coruña. Comezou a traballar en axencias de publicidade antes de incorporarse ao Departamento de Deseño de Faro de Vigo. Neste xornal publicou a súa primeira viñeta en 1998, e nel continúa publicando unha viñeta diaria chamada “O Bichero”.
Ten unha colección de doce libros de humor, nos que recompila unha selección de viñetas de diversas épocas.Recibiu varios premios de humor gráfico: o Premio San Martiño de Normalización Lingüística en 2014, o Premio Xoán Manuel Pintos de Compromiso coa Lingua en 2016 e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 2023.
Participou en numerosos e variados proxectos, como os innovadores espectáculos teatrais e humorísticos co seu amigo, o actor Carlos Blanco, onde debuxaba en directo, acompañando o actor durante os monólogos. Percorreron teatros e auditorios por toda Galicia e realizaron xiras internacionais: Londres, Edimburgo, Portugal.
Outra das súas grandes facetas é a pintura; realizou máis de vinte exposicións e creou murais. Pinta sobre lenzos de gran formato, gravados e murais, empregando acrílicos, gouaches e outros medios. Davila é unha figura destacada no panorama artístico galego, e a súa obra ten un estilo moi recoñecible que transmite unha gran sensibilidade; as liñas e a cor cobran protagonismo.
Entre os temas que aborda na súa obra están a figura feminina, a música, o mar, así como diversos aspectos das tradicións e costumes do país.
CARLOS LÓPEZ, escritor, xornalista e membro da parella de humoristas gráficos Pinto&Chinto
(Boimorto, 1967) Colaborador, entre outros, dos xornais composteláns El Correo Gallego e O Correo Galego. Nos últimos anos asina periodicamente artigos na sección de Opinión de La Voz de Galicia.
Desde 1993 forma un tándem con David Pintor, "Pinto", coa sinatura conxunta "Pinto & Chinto", que publica diariamente unha banda deseñada de humor gráfico (case sempre de temas de política) no xornal La Voz de Galicia. Con este tandem, acadou premios de humor gráfico como o Curuxa do Humor (Museo do Humor de Fene), o Haxtur (Salón Internacional del Cómic de Oviedo) e o Hermés (Concello de Barakaldo).
En 2001 iniciou a súa incursión na literatura infantil. Gañou, entre outros, o Premio Merlín, Premio Raíña Lupa, Premio Martín Sarmiento e Premio Pura e Dora Vázquez.
Entre as súas publicacións, salientan: en poesía, Espello sen fondo e Sobran as palabras (2007). Escolma de traballos publicados en diversos medios de comunicación conxuntamente con David Pintor. E en narrativa, Raros e curiosos (2014); Minimaladas, con ilustracións de Pinto. (2007); La peripecia de Roi (2012); Novas minimaladas (2008); Contos para nenos que dormen deseguida (2010); A peripecia de Roi (2013); Isela (2015); Cámbiache o conto! (2016); O lume contador de historias (2016); Expedición Tilovonte (2018); Bichería (2020); Nicomedes o Pelado (2020); A ovella á que o lobo lle comeu a sombra (2020); Mediometrópole e os superheroes (2023); O frac do pingüín (e outros contos de animais). (2023); Contos que caben nunha man (2023); Os doce traballos de Hércules (2024).
Acadou numerosos premios como: Premio Merlín 2007 por Minimaladas; Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil e Mellor portada Infantil/Xuvenil, 2007 por Minimaladas; The White Ravens 2011 por Contos para nenos que dormen deseguida e 2014; Lista de Honor de Clij 2014; Premio Frei Martín Sarmiento 2007 e 2017; Premio Raíña Lupa 2008, A peripecia de Roi; Premio Xosé Neira Vilas 2010 por Contos para nenos que dormen deseguida; e Fervenzas Literarias 2010 por Contos para nenos que dormen deseguida.
