O Museo do Humor Xaquín Marín rende homenaxe aos Caricaturistas de Profesión cun faladoiro e unha mostra que abre ao público este venres
Museo do Humor Dixomedíxomes14-09-2026
A exposición Caricaturistas de Profesión, producida polo Museo do Humor Xaquín Marín-Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Xunta de Galicia, amosará en Fene a obra de dez reputados caricaturistas de prensa contemporáneos como son: Agustín Sciammarella, Carlos Rodríguez Casado, David García Vivancos, Ernesto Priego, Iván Mata, María Picassó, Matías Tolsá, Raúl, Thorsten Rienth e Turcios. Comisariada polo gañador do Premio Curuxa Caricatura 2024, Iván Mata, a mostra compila cincuenta obras, a razón de cinco por participante, baixo a premisa de seren “as que considera cada artista que mellor definen a súa arte ou son significativas na súa traxectoria artística”.
A exposición de caricaturas inaugúrase este venres 18 de setembro, ás 19.00 horas, cun faladoiro no que tomarán parte catro dos participantes, entre os que se atopa o propio Iván Mata, Ernesto Priego, e os gañadores do Premios Curuxa Caricatura 2025 e 2026, David García Vivancos e Matías Tolsà.
Unha vez finalizado o encontro realizarase unha visita guiada á mostra que permanecerá aberta ao público até finais do mes de outubro. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Caricaturistas de profesión xorde dunha iniciativa de Iván Mata quen, a raíz dunha visita á Feira Ilustrísima do Museo ABC, falou coa directora do evento Inmaculada Corcho de montar unha exposición de caricaturistas de prensa. Dita mostra non se chegou a facer por culpa da pandemia da Covid. Pero en 2022, retomando o proxecto, Iván apostou por publicar unha obra na que se documentara a historia de once caricaturistas de prensa contemporáneos. Con este libro, editado por Nórdica Libros, pretendía “reivindicar o noso oficio, que non atravesa agora o seu mellor momento”.
En palabras do concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, “a caricatura é unha manifestación artística e cultural de indudable valor estético que, a través do humor, constitúe unha importante ferramenta crítica e reflexiva, xa que fomenta o pensamento libre, a creatividade e a análise da realidade desde unha perspectiva accesible a públicos diversos”. E o Museo do Humor, como espazo de referencia no ámbito do humor gráfico e a caricatura (xa que conta cunha sala específica adicada a este xénero), “debe promover a súa difusion e coñecemento”.
Organiza: Museo do Humor Xaquín Marín da Concellería de Cultura do Concello de Fene, coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco da Convocatoria de subvencións destinadas a centros museísticos da comunidade autónoma de Galicia 2026.
