O Museo do Humor Xaquín Marín entrega tamén este venres os Premios Curuxa 2026
04-11-2026
Este venres, 6 de novembro, arrinca o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta primeira xornada, na que ademais se entregarán os Premios Curuxa 2026, o protagonista será Quico Cadaval. O espectáculo, titulado “30 anos a contar historias. Notas de rodapé ”, comezará ás 20.00 horas. A entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
“30 anos a contar historias. Notas de rodapé ” é un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico. Porque escoitar historias de viva voz é unha das maneiras mais económicas de viaxar: “a imaxinación da persoa que escoita na penumbra sobe como unha bolla de xabrón, seguindo, ás veces coa lingua de fóra, a imaxinación do contador. Outras veces as bollas de xabrón do público únense e fórman a imaxinación colectiva”.
En “Notas de Rodapé”, Quico Cadaval, ademáis de revelar os trucos e segredos do oficio, reclama a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantaneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou con sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western.
No transcurso do show, Cadaval reclamará do público que faga perguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E el responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a estoria que mais veces contou) e remata co conto mais fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.
Quico Cadaval é un dramaturgo, director de teatro, algo actor e moi contador de historias. Nos anos oitenta participa dos espectáculos de O moucho Clerc, baixo a dirección e o mestrado de Xoán Cejudo. Para el escribe “Un Códice Clandestino” e “ O Rouxinol da Bretanha”.
Nos anos 90 incorpora á sua bagaxe o oficio de narrador, comezando nas salas Galán e Nasa. E paseou o espectáculo nunha xira mundial inacabada ante público de catro continentes, para comprobar se os contos da sua aldea son universais. E resultou que si.
As fantasmas de Cadaval aparecéronse nos festivais de Bucaramanga, Buga, Bogotá, Medellín e Caribe Cuenta na Colombia; Beja, Almada, Santo Tirso, Braga, Ponta Delgada en Portugal, Zacatecas, Buenos Aires, Guadalajara, Cabo Verde, Hellín, São Paulo, Ourense, A Habana, Estrasburgo, Cracovia, Agüimes, Barcelona, Córgomo, Pontevedra e todas as terras Atlánticas. Nos últimos tempos, aleouse com Guti e Celso Sanmartín para ter un retiro dourado coas “Tres Vellas”
Cadaval ten alguns recoñecementos, como o Premio Curuxa do Museo do Humor de Fene, o Premio de Honra de Atlántica, un Premio Max e un feixe de premios Maria Casares do Teatro Galego.
Trata cita deste venres, o Novembro, mes do humor continuará o 13 de novembro con Marita Martínez actuando na Casa da Cultura de Fene e presentando a súa “Contadiña”.
Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
