Fene celebrou trinta anos dos Premios Curuxa

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

“O Concurso de Humor Gráfico e Caricatura que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín é máis ca un certame artístico. É un encontro de afectos porque reune a profesionais e afeccionados que comparten unha mesma paixón: contar o mundo a través dun lapis, dunha idea e dun sorriso. E iso é algo profundamente valioso nun tempo no que tantas veces o ruído e a crispación tentan ocupar o espazo que lle pertence á intelixencia e á empatía”.

Con estas verbas, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, referíase este venres ao concurso creado en 1985 polo humorista gráfico e fundador do museo, Xaquín Marín. Desde o Goberno Municipal de Fene, afirmou Permuy, “sentimos moita fachenda ao comprobar que os Premios Curuxa van medrando ano tras ano, e atraendo novas xeracións de artistas”. Ademais, afirmou que “o humor une e fai comunidad, e iso é o que queremos seguir construíndo desde o noso concello: unha cultura viva, aberta e participativa”.

Máis dun cento de persoas, entre elas o impulsor do concurso e membro do xurado este ano Xaquín Marín, asistiron á entrega dos Premios Curuxa 2026. Nesta “festa do humor gráfico e a caricatura” recibiron os diplomas que os acreditan como gañadores do certame nesta edición: Juan Gabriel Benavides (1º premio Curuxa), Juli Sanchís Aguado, “Harca” (2º premio Curuxa), Antonio Sabín Anca, “Tonisavski” (mención de honra Curuxa), Anxo Iglesias Martínez (1º premio Curuxa Nova) e Matías Tolsá Montedoro (1º premio Curuxa Caricatura).

A velada comezou cunha visita ao Museo do Humor, coa inauguración da exposición dos Premios Curuxa 2026 e cunha recepción, por parte da alcaldesa, concelleiro de Cultura e membros do Goberno Municipal, que agasallaron aos premiados con varias publicacións editadas polo museo e os convidaron a asinar no Libro de Honra.

En canto á exposición Premios Curuxa 2026 , “é moi variada en contidos, temáticas, técnicas e estilos; e merece moito a pena tanto pola cualidade artística das obras como polas mensaxes que transmiten”, en palabras da responsable do Museo, Almudena Marcos. Nela pódense ver caricaturas de escritores, directores de cine, cantantes, políticos da esfera nacional e internacional Toda unha variedade de personaxes e temas sobre os que pousaron este ano a súa pruma os case setenta humoristas gráficos profesionais e afeccionados que participaron no certame.

Trala inauguración da exposición, que permanecerá aberta ao público até o vindeiro 30 de novembro, procedeuse á entrega de premios no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor, comezando o acto cunha proxección sobre a historia do certame.

Os premios Curuxa nacen en 1985, tan só un ano despois da posta en marcha do Museo do Humor de Fene. O seu impulsor, Xaquín Marín, chamounos Curuxa porque:

“A Curuxa é un animal ben simpático agás para os ratos e demais roedores. É un paxaro que actúa con nocturnidade pero sen aleivosía, e quizais por iso algúns o relacionan coa morte. É un paxaro filosófico que, sumido nas súas fondas cavilacións, ten tempo para choscar o ollo e para quitarlle ferro aos pensamentos ou para mandar calar cando vai farto de escoitar parvadas”.

Durante moitos anos, arredor da entrega destes galardóns organizáronse exposicións, conferencias, actuacións e concursos, converténdose nunha cita fundamental na programación anual do Museo as súas “Xornadas do humor”.

Na súa primeira etapa, os Premios Curuxas convocáronse de xeito ininterrompido e cunha periodicidade anual desde 1984 ata ao ano 2007. Grazas a eles, o Museo do Humor de Fene foi acadando unha dimensión internacional.

Trala xubilación de Xaquín Marín como director do Museo, o certame deixou de convocarse. Pero en 2014, coincidindo coa conmemoración do XXX aniversario do Museo do Humor, o Concello de Fene recuperou o concurso co obxectivo de seguir premiando e recoñecendo o traballo dos mellores humoristas gráficos.