A monologuista Marita Martínez actúa este venres en Fene na segunda función do Novembro, mes do humor

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Todo ten o seu aquel, por iso Marita Martínez conta no seu monólogo "Contadiña" como cambiaron as cousas desde os tempos da súa avoa. Das súas anécdotas e doutras recollidas da familia propia e allea vai o espectáculo que presenta a humorista este venres no Museo do Humor Xaquín Marín, na segunda función do ciclo Novembro, mes do humor.

A actuación comezará ás 20.00 horas con entrada de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo venres a partir das 19 horas. Aforo limitado.

De como eran os amores e as regueifas, das festas e dos peligros do pasodobre, dos alcumes e a retranca, das peculiaridades do noso carácter que tanto cambiaron (ou non), vai Contadiña, o monólogo no que Marita Martínez falará este venres en Fene das cousas de antes e das cousas de agora.

Marita Martínez é titulada en Maxisterio e especializada en Audición e Linguaxe pola Universidade da Coruña. Dedica a súa experiencia profesional ao mundo das artes escénicas, contando cunha ampla traxectoria na escena teatral. Así, realiza multitude de papeis como actriz e monologuista en diferentes espectáculos.

Destaca a súa participación nos diversos shows de Improscenia como Poe, Dickens, Shakespeare, Agatha Christie e Homero ou Galician Horror History, como tamén Mal de muchos e Quéroche un conto.

Actualmente, participa nos espectáculos Impro Come Back e Endaterra. Tamén conta con experiencia no mundo do audiovisual con diferentes participacións na Televisión de Galicia, concretamente no programa Luar, Malo Será e na serie Os Mariachi. Ademais, participou na curtametraxe As Tres Caídas de María Santiso e as webseries A Arte de Ser Mal Pai e Mataría.