Falemos como galegas, de Migallas Teatro, na derradeira sesión do Novembro, mes do humor

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A concellería de Cultura de Fene pecha este venres o ciclo de monólogos que organiza para conmemorar o 42º aniversario do Museo do Humor Xaquín Marín. Nesta xornada a protagonista será a compañía Migallas Teatro cun espectáculo titulado Falemos como galegas. Comezará ás 20.00 horas, con entrada de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.

Por que a situación da lingua galega é a que é? Cales son os falsos tópicos máis comúns sobre ela? Que son a “diglosite” e a “castrapite”? De onde veñen os prexuízos sobre a lingua? A quen afectan? Teñen cura? Que remedios hai para tratalos? Cal é o futuro do galego? Falemos como galegas é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan estas e outras moitas cuestións relativas á lingua galega a través de sketchs e cancións cómicas de autor. Cada función de Falemos como galegas é unha invitación amena a reflexionar sobre a historia, a actualidade e o futuro da lingua galega, co obxectivo de fomentar o seu uso normalizado entre as galegas e galegos de todas as idades.

Migallas Teatro vén realizando desde a súa fundación no ano 1992 numerosas actividades de promoción da lingua e da cultura galegas mediante montaxes teatrais; concertos; sesións de narración oral, obradoiros, cursos etc.
Alén disto, elaborou materiais audiovisuais como os libros-disco “Canta connosco!”, “Pan de millo”, o disco “Zaragallada” e a serie de 25 vídeos para fomentar a práctica da lingua mediante os ditos infantís tradicionais chamada Brincadeiras da lingua, baseada na páxina web Orella pendella, que coordina desde o ano 2008.

Migallas Teatro realizou máis de 1700 representacións de máis dunha trintena de espectáculos diferentes creados pola propia compañía. Alén disto, ten coordinado a creación de máis de medio cento de montaxes teatrais con rapaces e rapazas de entre 7 e 18 anos. Tamén leva a cabo talleres de expresión dramática, plástica e musical a través de concellos, asociacións e colexios de diversos municipios como Vilaboa, Soutomaior, Tomiño etc.
Para máis información sobre a compañía, consultar: https://migallas.gal/

Ciclo organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).