A Cabalgata dos Reis Magos en Fene concluirá cunha gran festa infantil na praza do Concello

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

A Cabalgata dos Reis Magos en Fene concluirá cunha gran festa infantil na praza do Concello

Como é tradición, as súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente visitarán o Concello de Fene este luns, 5 de xaneiro, para atender todas as peticións dos nenos e non tan nenos do municipio. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo á invitación cursada pola Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Fene, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán ao aparcadoiro de San Valentín ao redor das cinco e media e, a partir deste punto, iniciarán un percorrido pola Avenida do Mar, Tellerías, Cruceiro de Perlío, establecemento Aguilar, Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais. De alí, tomarán rumbo á Casa do Concello, onde serán recibidos polo alcalde, Gumersindo Galego. E, tamén alí, nunha carpa habilitada na praza atenderán aos nenos e nenas de Fene e entregaránlles caramelos.
No mesmo espazo, o Concello dispuxo tamén un buzón real para que os rapaces poidan depositar as súas cartas. A visita das súas Maxestades rematará cunha gran festa infantil deseñada pola Concellería de Cultura e Deportes. A edil de área, Rocío Bértoa, sinalou que está previsto un show infantil con Cantabaila no que non faltarán as coreografías, as cancións de moda entre os nenos, os xogos musicais, as panxoliñas… E unha gran chocolatada. Así mesmo, e na liña marcada polo Concello, nesta actividade o público poderá volver colaborar co Banco de Alimentos de Ferrolterra, xa que se solicita que quen acudan entreguen algún producto alimenticio non perecedoiro para esta iniciativa solidaria.
Neste contexto, o alcalde, Gumersindo Galego, anunciou que o Concello decidiu destinar un de cada tres euros da cota para participar na II San Silvestre organizada pola Concellería de Deportes o pasado mércores a Cáritas de Fene, cuxos voluntarios encargaránse de servir o chocolate que poderán disfrutar nenos e maiores o luns.