Fene mantense por debaixo dos 30 días nos prazos de pagamento a provedores

Fene mantense por debaixo dos 30 días nos prazos de pagamento a provedores

O Concello de Fene celebra na tarde deste xoves o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto. Unha sesión que leva na súa orde do día escasos temas para deliberación e debate. De feito, tres dos seis puntos teñen por obxectivo informar á Corporación sobre asuntos como as resolucións adoptadas pola alcaldía desde o anterior pleno, dar conta do período medio de pagamento a provedores -27,9 días no último trimestre- e, quizais o máis relevante desde o punto de vista político, o pase á condición de concelleiros non adscritos dos edís de Somos Fene,  Xoán Manuel Rodríguez Bastida e César Daniel Castro García. A sesión comezará ás 18.00h. 
 
Como se recordará, os dous concelleiros de Somos Fene concorreron ás eleccións de maio de 2015 baixo as siglas de Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdG) como partido instrumental formado co obxectivo de facilitar a presentación de candidaturas cidadás ás municipais. 
 
Porén, a primeiros de xuño, o conato dunha moción de censura que estaría apoiada polo PP, dous dos tres concelleiros do PSOE e os dous de Somos Fene, propiciou que Participación Democrática Directa lle comunicase ao Concello a decisión de retirarlle a representatividade a Rodríguez e Castro, solicitando ademais que fosen considerados desde ese momento como concelleiros non adscritos.
 
Será o pleno deste xoves quen tome coñecemento do cambio de status dos dous edís. Algo que na práctica non modifica a súa capacidade de representación, aínda que si terá consecuencias organizativas e económicas, posto que ao perder o grupo tamén perderán a asignación económica de 245,44 € mensuais.
 
Antes de chegar a este asunto, a sesión tamén abordará a información sobre o período medio de pagamento a provedores que, segundo os informes técnicos, se situou no último trimestre nunha media de 27,98 días. Fene mantense deste xeito  por debaixo do límite dun mes previsto na normativa vixente. 
 
O pleno comezará ás 18.00h. e xunto con estes asuntos tamén incorpora os apartados de mocións, rogos e preguntas.