O Concello de Fene implica outras oito institucións no simulacro de salvamento marítimo deste sábado en Barallobre

O Concello de Fene implica outras oito institucións no simulacro de salvamento marítimo deste sábado en Barallobre

Segundo a Concellaría de Organización e Seguridade, o simulacro  será un dos de maior envergadura de todos cantos se teñen efectuado na ría de Ferrol, con 50 efectivos implicados, medios terrestres, marítimos e aéreos e 6 vítimas rescatadas

Poñámonos en situación. Sábado 2 de setembro, 12.25h. A Policía Local de Fene recibe a chamada dun pescador deportivo que acaba de ver un accidente na ría. Segundo parece son dúas planadoras que acaban de bater a uns 350 metros do peirao de Barallobre. Valéndose do seu móbil, a testemuña do suceso manda a ubicación aproximada e informa de que na auga hai varias persoas en problemas, aínda que non pode precisar cantas... Ese será o arranque do simulacro de salvamento organizado polo Concello de Fene no que participarán arredor de 50 efectivos por terra, mar e aire. O exercicio desenvolverase entre as 12.30 e as 13.30h. e nel colaboran Salvamento Marítimo desprazando unha lancha e un helicóptero, Gardacostas de Galicia, a Capitanía Marítima de Ferrol, a Autoridade Portuaria, a Garda Civil, os Bombeiros de Ferrol, o 061, a agrupación de Protección Civil e a Policía Local de Fene, quen estará á fronte do simulacro tras varias semanas de preparativos. O obxectivo das manobras é poñer a proba a coordinación dos medios que interveñen en incidentes deste tipo, pero tamén aprender en que se pode mellorar. Bos lugares para non perder detalle serán o paseo marítimo de Caranza e, sobre todo, a ribeira de Barallobre, onde durante toda a xornada se celebra a IV Festa Mariñeira.

Tralo primeiro aviso a Policía Local alertará de inmediato a todos os servizos de emerxencias para activar os medios de rescate e garantir os accesos ao punto terrestre máis próximo -o paseo marítimo Bieito Cupeiro-, onde se instalará o Posto de Mando Avanzado. De feito, aos poucos minutos da alerta deberá estar establecida unha zona de seguridade no porto e ter efectivos regulando o tráfico para que tanto a Garda Civil -que desprazará tamén aos GEAS- como os bombeiros e o 061 cheguen ao lugar exacto o antes posible.

Namentres, no mar os equipos de salvamento terán a difícil tarefa de por a salvo as persoas feridas no accidente. Unha delas, a máis grave, será evacuada polo helicóptero da SASEMAR (Salvamento Marítimo), outras tres feridas serán rescatadas polas lanchas de Salvamento Marítimo, do servizo de Gardacostas de Galicia e da Policía Portuaria que, posteriormente, as desembarcarán no pantalán de Barallobre para seren atendidas no PAC de Fene.

Unha quinta persoa conseguirá chegar a nado á ribeira de Barallobre e, de acordo coas previsións do exercicio, será localizada polos Bombeiros de Ferrol con axuda de cans da CA.SA.GA., e posta a salvo por voluntarios de Protección Civil e persoal técnico do 061.

O simulacro contempla tamén a busca da sexta vítima, case seguro que falecida,  que se tentará atopar con cans de rastrexo especialmente adestrados para detectar corpos somerxidos a partir das burbullas que se desprenden deles. Nos labores de busca  intervirán os Bombeiros de Ferrol, a Policía Portuaria, Salvamento Marítimo e o HELIMER pescudando a costa desde o aire.

Agárdase que todo o dispositivo finalice sobre as 13.30h., momento no que se fará unha xuntanza de avaliación dos resultados no Posto de Mando Avanzado. Á fronte da coordinación do simulacro estará o axente da Policía Local fenesa Daniel Martínez. "Levamos moito tempo preparándoo todo. Se fose unha emerxencia real sería Salvamento Marítimo quen asumise a coordinación, pero neste caso é a Concellaría de Organización e Seguridade a través da Policía Local", explica Martínez.

O responsable técnico  sinala que o simulacro pretende "coordinar os medios de resposta ante accidentes deste tipo, controlar os tempos de reacción dos equipos que interveñen e dar a coñecer á poboación en xeral e en particular á xente que traballa no mar os medios e recursos dispoñibles para a súa seguridade e tranquilidade".

Neste sentido, Daniel Martínez destaca que unha parte fundamental serán as comunicacións, por iso todos os equipos traballarán emprengando a canle 6 de VHF, establecida internacionalmente como frecuencia para o salvamento marítimo. Con todo, o axente suxire que, ademais desta, "os municipios da ría poderían compartir unha mesma frecuencia de radio para emerxencias. É algo que se debería estudiar posto que sería relativamente doado poñela en marcha de forma mancomunada".

Coincidencia coa IV Festa Mariñeira

O simulacro de rescate fíxose cadrar á mantenta coa IV Festa Mariñeira que terá lugar desde as 11.00h. na zona do peirao de Barallobre. Vai facer bo tempo -prevese sol e vento suave- e a marea garante un bo calado relativamente preto da ribeira. Condicións que, unidas ao propio tirón da festa gastronómica, seguramente ateiguen a zona de espectadores. "Vai ser espectacular aínda que non se trate dun espectáculo, senón dun exercicio moi serio que move moita xente e moitos servizos co obxectivo de poñer a proba a capacidade de reacción e de coordinación de todos eles", asegura a Concelleira de Organización e Seguridade, Sandra Permuy.

A responsable municipal destaca a complexidade de organizar todos os medios que se verán este sábado na ría "son nove departamentos pertencentes a distintas administracións, medio cento de persoas, embarcacións, vehículos, cans... levar esta práctica adiante supón un grande esforzo por parte de todos e todas e, sen dúbida, será unha demostración máis de que a xente do mar está en boas mans". Permuy quixo agradecer "a boa disposición e a implicación" de todos os organismos participantes. A concelleira asegurou, por último, que o  deste sábado "será un dos exercicios de rescate acuático de maior envergadura de todos cantos se teñen levado a cabo na ría de Ferrol".

A titular de Organización e Seguridade pediu "a máxima colaboración" veciñal durante a realización do exercicio. "Na práctica será como unha situación real e debemos atender as recomendacións que fagan a Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil, encargadas do perímetro de seguridade en terra". Por outra banda, unha lancha da Garda Civil tamén se encargará de manter despexada a zona da ría onde se vai desenvolver o exercicio, a uns 150 metros seguindo a liña do pantalán de Barallobre.

Programa da festa

A IV Festa Mariñeira comezará sobre as 11.00h. na carpa instalada ao carón da nave da Confraría de Barallobre, onde se concentrará boa parte da actividade ao longo da xornada. Por un prezo módico que vai dos 3 aos 10 euros haberá moito onde elixir tanto en produtos como en preparacións. Cada unha das entidades veciñais colaboradoras confeccionou cadanseu menú, presidido en todo caso por froitos do mar e, en especial, polos que saen da ría.

Así, a Liga de Amigos de Barallobre propón fabas con ameixas, sardiñas lañadas, trigres e empanada de zamburiñas. O Pote de Maniños, a Cultural SD desta mesma parroquia e AETNA ofrecerán arroz con chocos, parrochas afogadas, ameixas á mariñeira, empanada de xoubas, mexillóns ao vapor e mexillóns tigre.

Por outra banda, San Xurxo de Magalofes, o Radio Club Alfa Charlie e o Club BTT Fene teñen previsto cociñar ameixas "á salsa de Magalofes", ademais de pasar pola prancha polbo e navallas. A Asociación Veciñal de Limodre preparará catro pratos: fideuá de ameixas, salpicón, tortilla de berberechos e espetiños crocantes de lagostino. Por último, nesta extensa relación de viandas tamén cómpre contar os berberechos e a paella de mariscos que cociñará a Asociación Veciñal de Sillobre e maila empanada de mexilóns e as croquetas de marisco elaboradas pola entidade sociocultural Agarimo.

En total son 21 pratos para elixir e combinar a gusto de cada comensal que se poderán degustar adquirindo previamente cantos tiques se queiran  ao prezo de 1.50, 5 e 10 €, incluído pan e sobremesa. Os billetes estarán á venda desde as 11.00h. para o xantar e ata antes das 23.00h, momento no que se pecharán as ceas.