Fene retoma en setembro as "Tardes Activas"
04-09-2017
"Tardes Activas" encádrase no programa de Envellecemento Activo e, dentro del, hai tres propostas: dunha banda, os obradoiros de recuperación e activación de memoria e, doutra, os obradoiros "Recordando o noso", cos que se reactiva a cabeza ao tempo que se axuda a recuperar a memoria recente.
Tralo parón estival, ambas iniciativas volverán poñerse en marcha en setembro para finalizar xusto antes do Nadal. No caso da activación da memoria e de "Recordando o noso" as sesións desenvolveranse nos locais sociais das distintas parroquias, mentres que a actividade de recuperación da memoria terá lugar unha vez por semana no centro municipal de Servizos Sociais de San Valentín. Cada persoa poderá elixir libremente as actividades ás que acudir independentemente na parroquia na que viva, sempre e cando queden prazas libres.
Activación da memoria
En activación da memoria faranse sinxelos exercicios para manter a mente esperta e mellorar a memoria naquelas persoas con esquecementos cotiás, (onde están as chaves, como era o nome de...). Utilizaranse dinámicas de ocio e grupais para a realización das actividades coas que se pretende estimular a atención, a vista, a coordinación, a linguaxe ou a capacidade de cálculo mental. En Limodre os obradoiros serán os luns de 18 a 19.30h. e os martes de 16.45 a 18.15h. tocaralle ao CPS de San Valentín.
Recordando o noso
Por último, "Recordando o noso" consiste en traballar as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica, achegando vivencias e lembranzas coas que recuperar a historia do territorio. Estes obradoiros impartiranse no local do Pote, en Maniños os martes de 18.30 a 20.00h. e na ACDR Liga de Amigos de Barallobre os mércores de 18.15 a 19.45h. Tamén o mércores, pero de 16.30 a 18.00h. tocaralle ao CMI Unidade de Fene. En San Xurxo de Magalofes o obradoiro desenvolverase os venres de 19.00 a 20.30h. e, por último, en Agarimo de Sillobre quedaron fixados os martes de 18.30 a 20.00h.
Inscrición
Estás actividades son de balde e están abertas á poboación en idade madura, cun límite de 20 prazas, excepto no obradoiro de recuperación de memoria, onde haberá 24 prazas dispoñibles e desdobradas en dous grupos, que se cubriran por orde de inscrición. Todas aquelas persoas interesadas en participar -que non estivesen inscritas do período anterior- presentaran a folla de inscrición cuberta no centro municipal de Servizos Sociais ou nos locais das entidades colaboradoras. Pode obterse máis información nos teléfonos 981.492.706 / 981.342.607 ou no correo servizos.sociais@fene.gal