O Concello mellorará a seguridade peonil e do tráfico na rúa Ameneiral

O Concello mellorará a seguridade peonil e do tráfico na rúa Ameneiral

A área de Obras do Concello de Fene acaba de publicar a licitación de tres obras acollidas ao plan provincial de aforro e investimentos coas que se pretende mellorar a seguridade viaria en tres puntos do municipio. Os traballos contrataranse nun único paquete cun prezo de saída de 34.807,50€ e con eles actuarase na rúa Ameneiral -en Perlío-, no punto onde se atopan a estrada a Vilar do Colo e a DP-3501 -Limodre- e, por último, no acceso e a zona de aparcadoiro da antiga escola do Pedrón, en Magalofes.

Unha das obras que motivou máis peticións veciñais nos últimos anos foi, precisamente, a que se vai levar a cabo na rúa Ameneiral. O tráfico e as reparacións en infraestruturas soterradas deixaron esta rúa  perpendicular a Marqués de Figueroa en mal estado, con irregularidades no firme e algunhas fochancas. O proxecto técnico prevé agora botar unha nova capa de aglomerado e a renovación da sinalización. Ademais, o Concello tamén aproveitará para construír preto de 40 m. de beirarrúa que entronque a xa existente no seu tramo final coa da principal avenida de Perlío.

As outras dúas obras que acompañan á da rúa Ameneiral teñen tamén un alto valor social, sobre todo a que se vai levar a cabo en Magalofes. Neste caso os labores consistirán en rematar con formigón o aparcadoiro da antiga escola do Pedrón e en acondicionar co mesmo material o acceso  ás instalacións desde a estrada DP-3503.

Búscase, en esencia, rematar a urbanización interior deste equipamento municipal e facerlle unha entrada que non se estrague durante o inverno. Ademais, estas melloras beneficiarán indirectamente ás persoas usuarias do centro sociocultural da asociación San Xurxo de Magalofes, situado ao ao carón da escola do Pedrón.

O terceiro capítulo do proxecto sufragado co PAI 2016 é a reparación do punto onde conectan a estrada ao Vilar do Colo e maila DP-3501, en Limodre. Alí substituirase o firme actual -moi deteriorado pola entrada e saída de vehículos- por outro de aglomerado, ademais de dotar o cruzamento de nova sinalización horizontal.

O proceso de licitación deste paquete viario figura publicado desde hai uns días no Perfil de Contratante municipal. A adxudicación dos traballos farase mediante procedemento negociado con publicidade.