O Concello de Fene conmemora por todo o alto o 25 de xullo co Ciclo “Día de Galicia”

O Concello de Fene conmemora por todo o alto o 25 de xullo co Ciclo “Día de Galicia”

A lectura da declaración institucional no monumento “Día da Patria Galega” correrá a cargo de María Rivera, autora do libro Sillobre vén de antigo

A edil de Cultura, Rocío Bértoa, avanza unha semana cargada de actividades como os concertos de Ses e do grupo de rock ITH e a Festa dos Avós

O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, presentou esta mañá os actos do ciclo Día de Galicia cos que se conmemorará tan sinalada data. Uns actos que se estenderán por espazo dunha semana e que arrancarán este luns, 9 de xullo. A música será a principal protagonista, con concertos para todos os gustos, e a estes sumaranse espectáculos de novo circo a pé de rúa. Como novidade este ano, o Concello recupera a Festa dos Avós, con xantar popular incluído gratuíto. A edil de área avanza que todas as actividades se celebrarán baixo carpa, na praza do Alcalde Ramón Souto González, agás a declaración institucional que, como é tradición, se realizará no Monumento “Día da Patria Galega”, no parque lineal do Río Cádavo.

Bértoa apunta que todos os concertos serán gratuítos e agradece a colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic, xa que apoian a programación participando da súa financiación.

Así as cousas, a compañía Circo Chosco, co seu espectáculo “Forzu2”, inaugurará o ciclo este luns ás 22 horas. Un show de novo circo no que o humor e o absurdo son eixes centrais. Ata Fene trasladaranse dous atletas ben cómicos que protagonizarán esceas olímpicas, malabares, acrobacias, números de incrible forza e xogos co público. Risco, desastre, sorpresa e absurdo son palabras que poden aparecer en calquera momento, pero estes dous artistas saben saír de todas as situacións que lles comprometen continuamente. Coa presenza constante da técnica en forma de portés, lume, acrobacias aéreas e malabares imposibles.

Ó día seguinte, martes, e tamén ás 22 horas, o Concello ten programado un concerto do grupo de rock ITH, que presentará o disco “O mínimo que o contén todo”. Este grupo de Xanceda toma nome dun príncipe celta e dende os seus inicios, alá polo ano 2001, mantén o principio de facer rock en galego. Despois de moitos ir e vir de músicos, a formación actual está integrada por Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Gonzalo (batería), Lucía (voz) e Miguel Folgueira (voz). Nestes 10 anos de traxectoria musical; o grupo percorreu boa parte da xeografía galega. Conta cunha maqueta e cun disco editado gravado en directo. A súa música contén influencias de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, tanto estatal como internacional. Influencias achegadas por cada un dos compoñentes e que se aglutinan nos seus temas de composición propia.

O mércores será o turno, ás 20,30 horas, do Certame de Habaneiras e Canto Coral. Tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Das rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro.

O xoves, 12 de xullo, a partir das 20 horas, o Concello convida á veciñanza á Festa dos Avós, que incluirá un xantar popular con degustación gratuíta de racións. O Concello fai este esforzo para recompensar o que fan precisamente as persoas maiores cada día para continuar construíndo unha sociedade mellor e sostendo en moitos casos tantas familias. As bebidas haberá que abonalas, aínda que a recadación terá un destino social, xa que se dirixirá a Cáritas. Recupérase así unha tradición iniciada na anterior lexislatura cunha grande afluencia de veciños e veciñas.

E, sobre as 22,30 horas, actuación da orquestra Nautilus Band, que ofrecerá en Fene o seu espectáculo “Chega o baile”. Un show moi dinámico e variado co fin de poder satisfacer as necesidades e peticións máis específicas dos diferentes públicos, abarcando dende os boleros máis nostálxicos ata os ‘covers’ do rock máis actual; todo isto sen descoidar a música da verbena galega que segue a ser o seu sinal de identidade, especialmente na nosa lingua. Dúas trompetas e un saxo, dous percusionistas, teclado, baixo, guitarra e catro cantantes sobre o escenario para garantir que “chega o baile”.

E, pechando a semana, ás 20,30 h no monumento “Día da Patria Galega”, lectura da declaración institucional a cargo de María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”. Un acto con broche de ouro: a actuación na praza do Alcalde Ramón Souto González, ás 22 horas, de Ses. Presentará o seu disco “Readmirando a condición, o quinto traballo da cantante coruñesa e no que volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro álbum, “Admirando a condición”, que publicara en 2011.
Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo-. Un total de doce temas, dos cales once corresponden ó seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ó seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco