O Concello abre o prazo para solicitar as bonificacións nos recibos de IBI, rodaxe e lixo

O Concello abre o prazo para solicitar as bonificacións nos recibos de IBI, rodaxe e lixo

Os interesados poden presentar a solicitude na primeira planta da Casa do Concello ou nas oficinas de Xestión Tributaria da Deputación provincial

O Concello de Fene vén de abrir o prazo para solicitar as bonificacións aprobadas recentemente nos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI); Imposto de Vehículos de tracción mecánica (rodaxe) e Recollida de Residuos Sólidos Urbanos (lixo). Así, os veciños e veciñas interesados poden presentar a solicitude na primeira planta da Casa do Concello, onde se lles informará pormenorizadamente da documentación que deben presentar, ou ben en calquera das oficinas de Xestión Tributaria da Deputación provincial da Coruña, sitas en Narón, Ferrol ou A Coruña.


Nesta liña, a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, lembra que no caso do IBI as bonificacións alcanzan ata o 75% no recibo para as familias numerosas de categoría especial e do 50% para as familias numerosas en xeral. Iso, sempre que o inmoble sexa vivenda habitual para toda a familia.


Respecto á rodaxe, as bonificacións chegan ao 75% durante 6 anos naturais dende a súa matriculación para os vehículos híbridos e a mesma porcentaxe para aqueles con motor eléctrico e/ou emisións nulas. Neste último caso, a bonificación tería carácter indefinido. Aqueles outros vehículos que empreguen combustible biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP ou mixtos GLP-gasolina en motores de ciclo OTTO tamén poderán beneficiarse das bonificacións. Finalmente, os conductores con discapacidade recoñecida quedan exentos do pago, con independencia de que o grao de minusvalía sexa igual ou superior ó 33% como ocorría ata o dagora. En todo caso, o vehículo ten que estar ó seu nome e o seu uso ten que ser exclusivo por parte do titular.


Ademais, co inicio do ano entrou en vigor a nova tarifa única de 91,19 euros no servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para aqueles locais comerciais e empresariais sen actividade co ánimo de aliviar a carga fiscal para os propietarios daqueles inmobles que ostentan o uso comercial ou empresarial pero que no periodo impositivo estiveron baleiros. Sen actividade.