Fene traslada este sábado o comercio á rúa nunha nova edición da Feira Outlet

Fene traslada este sábado o comercio á rúa nunha nova edición da Feira Outlet

Haberá descontos de ata o 50% e participan 20 negocios, que sacarán os seus produtos á rúa ou se instalarán en carpas habilitadas polo Concello

O edil de Promoción Económica do Concello de Fene, Juan José Franco, anunciou esta mañá que o municipio acollerá esta fin de semana a décima edición da Feira Outlet Merca in Fene, que se celebra o vindeiro sábado, 21 de setembro, de 10:00 a 20:30 horas. O evento localizarase entre as avenidas Naturais e do Concello e a rúa Marqués de Figueroa, os tres eixos nos que están instalados os 20 negocios que participan nesta edición e as carpas do concello.

En total, está prevista a participación de 20 comercios, que ofertarán descontos de entre un 20% e un 50% nos produtos que poñan á venda. Boa parte deles sacará a súa oferta á rúa, se ben algúns dos participantes se instalarán nas carpas habilitadas polo Concello de Fene para a ocasión.

Organiza esta actividade o Concello de Fene xunto coa Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene. O edil de Promoción Económica convidou a toda a cidadanía a achegarse para vivir na rúa o día do comercio de Fene, unha actividade coa que se pretende promover a compra no comercio local e de proximidade.