A hostalería de Fene ofrece as súas mellores tapas creativas e tradicionais

A hostalería de Fene ofrece as súas mellores tapas creativas e tradicionais

Este venres arranca o XII Concurso de Tapas que promove o Concello en colaboración coa Asociación O Cruceiro

Serviranse de venres a domingo, ata o 24 de novembro e premiarase a fidelidade da clientela con vales por 900 euros e viaxes a Londres ou Milán

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, e o presidente da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro, Juan Manuel Ramos, presentaron esta mañá na casa consistorial a XII edición do Concurso de Tapas de Fene, que se desenvolverá dende este venres, 8 de novembro, ata o 24 do mesmo mes. Nel, tomarán parte 11 establecementos hostaleiros, que ofrecerán as súas propostas culinarias, ao prezo único de 1,50 euros, nas dúas modalidades propostas: a tapa creativa e a tapa tradicional.


Servirannas á clientela de venres a domingo, nos seguintes horarios: venres de 20 a 22 horas; sábados de 13 a 15 e de 20 a 22 horas e, os domingos, de 13 a 15 horas. Deste xeito, os locais participantes, xunto ás súas propostas, son os seguintes: Agarimo (Polbo montado); A Ponte (Do Ganges ao Cádavo); Lembranza (Fajita Don Quijote); Friends (Mar e terra Friends); Nuevo Tarnas (Ovo en cazola); O Son da Cociña (Tosta Strogonoff); Candajo 103 (Xamón ao caldeiro); Jesy Bar (Caralludo); Pachamama (Salpicón de rape con emulsión de cítricos); Tívoli (Tosta Galega), e Encontro Leos (Salpicón).


Así mesmo, nos establecementos dispensaranse as Fenerrutas, tarxetas para ir selando nos diferentes locais e, unha vez completadas, entrar a formar parte do sorteo de agasallos do certame. Entre estes: unha viaxe a Londres, Milán, Frankfurt, Barcelona, Madrid, Sevilla, Málaga ou Mallorca (en aloxamento e almorzo), cortesía de Estrella Galicia; unha escapada rural
cortesía de Organiza Turismo y Eventos; 600 euros en vales para mercar en locais asociados da asociación O Cruceiro cortesía da entidade; outros 200 euros en vales para mercar en locais asociados da asociación O Cruceiro cortesía da entidade, e outros 100 euros en vales para mercar en locais asociados da asociación O Cruceiro tamén cortesía da entidade; e un servizo de limpeza de tapicería dun turismo cortesía de Ecolimpauto.


Estes magníficos premios complementaranse con outros a sortear entre aqueles clientes que participen do certame pero non cheguen a completar a Fenerruta. Son os seguintes: un pequeno electrodoméstico cortesía de Electro Agro Fene; un mes de clase de música cortesía da Escola Bellón-Maceiras; tres estuches de produtos cortesía de Bodegas Barral, e un libro de cociña cortesía de Imprenta San Esteban.


Os premios, tamén ás tapas como aos establecementos gañadores, entregaranse nun acto público no que tamén se realizarán os correspondentes sorteos.


Un certame que, como puxo en valor o alcalde, busca promover e dinamizar a actividade da hostalería, fomentando a especialización e a mellora da calidade das tapas así como consolidar o tapeo tradicional. Nesta liña, Juan José Franco agradeceu e salientou a colaboración ofrecida pola Asociación O Cruceiro. E, Juan Manuel Ramos, animou a veciños e visitantes a achegarse á hostalería local e participar do certame.