A Concellaría de Facenda e Viaqua acordan varias medidas para facilitar o pagamento dos recibos da auga
08-04-2020
O Concello publicará nuns días os padróns da auga e dos sumidoiros correspondentes ao último cuadrimestre de 2019. Un procedemento que chega en plena crise sanitaria e que levou a Viaqua a acordar coa Concellaría de Facenda unha serie de medidas que minoren o impacto deses recibos e dos sucesivos -os correspondentes ao período actual- tanto nas economías familiares como nas dos autónomos e as empresas. A principal acción é o aumento até os 90 días do período de pagamento voluntario. Pero hai máis, entre elas a suspensión dos cortes de subministración por impagos e a paralización das reclamacións de débedas pendentes, algo que antes xa se lle viña aplicando ás persoas en situación de vulnerabilidade e que agora se amplía a todas as usuarias do servizo.
Na mesma liña, a xestora da auga sinala que se facilitará o financiamento sen xuros ou o aprazamento de facturas para os colectivos que presenten dificultades de pagamento por causa da actual situación.
Viaqua tamén recorda que ten a disposición dos usuarios e usuarias o "Plan 12 Gotas" que permite pagar todos os meses a mesma cantidade tomando como referencia o consumo do ano anterior. A contía regularizaríase ao final do exercicio coas lecturas reais, de maneira que a concesionaria volvería cartos se o consumo é inferior ou, no caso de ser maior, daría a posibilidade de financiar o pagamento nos meses seguintes.
Ao abeiro da alerta sanitaria, e como medida preventiva dos contaxios, nestes intres Viaqua ten suspendidas as lecturas dos contadores e, mentres dure a situación de confinamento, aplicaralles unha estimación de consumo "cero" a todos aqueles clientes que figuren na súa base de datos como comerciais ou industriais. Máis adiante, cando se restableza a normalidade e se retomen as lecturas, compensaranse os excesos ou defectos facturados. O mesmo ocorrerá cos usuarios e usuarias particulares, aínda que nese caso a estimación de consumo aplicada será a do mesmo período do ano pasado.