As mulleres de Fene toman a palabra polo 25N

A Concellaría de Igualdade do Concello de Fene organizou un encontro con mulleres das sociedades locais arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

As mulleres de Fene toman a palabra polo 25N

O Concello de Fene tamén puxo en marcha unha campaña destinada á hostalaría local co lema “Se tes medo é maltrato”

A Concellaría de Igualdade do Concello de Fene organizou no salón de plenos un encontro no que participou unha representación de mulleres das sociedades e entidades locais arredor da conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Durante a xuntanza, mulleres da Sociedade Agarimo de Sillobre, CPS San Valentín, O Pote de Maniños, AETNA de Maniños, CMI Fene, AVV Fene, Liga de Amigos de Barallobre, AVV de Sillobre, AVV Santa Eulalia de Limodre, AVV San Xurxo de Magalofes e CCRD de Perlío compartiron impresións sobre a campaña que está a desenvolver o Concello de Fene polo 25N, ao tempo que participaron na gravación dun vídeo que sairá á luz o propio sábado 25 de novembro.

A concelleira de igualdade, Sandra Permuy, destacou o papel que xogan os concellos na posta en marcha de ferramentas para a prevención da violencia machista. “Encontros como o que vimos de organizar en Fene contribúen a establecer redes de sororidade entre as mulleres, que permiten avanzar na educación e concienciación contra a lacra do machismo”.

Campaña coa hostalería

O Concello de Fene tamén puxo en marcha neste 25N unha campaña destinada á hostalería local, baixo o lema “Se tes medo é maltrato”, na que se fai un chamamento directo ás mulleres que poidan estar a sufrir situacións de violencia a romper co círculo do maltrato.

“Os locais de hostalería son habitualmente o primeiro lugar ao que poden dirixirse as mulleres vítimas de maltrato ou agresións para pedir axuda, polo que o compromiso e a colaboración do sector é fundamental para poder ofrecer unha primeira atención” indicou Permuy, quen destacou a boa acollida que está a ter a campaña no conxunto da hostalería fenesa. “É fundamental que cada vez haxa máis xente que colabore, coñeza a os recursos e saiba como actuar ante unha situación de agresión”, concluíu a concelleira.

Nos locais participantes na campaña o Concello de Fene está a instalar cartelaría que os identifica como lugares seguros nos que poder pedir axuda en caso de necesitala.