Nova charla do Servizo de Nutrición do Centro de Saúde de Fene no marco da súa Escola de Hábitos Saudables

A segunda charla, promovida pola Asociación Por Máis Vida, será sobre a importancia da alimentación no proceso oncolóxico

Nova charla do Servizo de Nutrición do Centro de Saúde de Fene no marco da súa Escola de Hábitos Saudables

A Casa da Cultura de Fene acolle este martes 27 de febreiro, ás 17 horas, a segunda charla da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración da Asociación Oncohematolóxica Por Máis Vida e do Concello de Fene. Nesta nova sesión, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre A importancia da alimentación no proceso oncolóxico. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.

O cancro supón unha das causas principais de mortalidade. Un bo estilo de vida forma parte da prevención, xa que pode axudar a reducir o risco de padecelo. Unha alimentación saudable é moi importante tanto para a prevención dalgún tipo de cancro coma no propio proceso oncolóxico, previndo a desnutrición nalgúns casos e mellorando algunha da sintomatoloxía asociada aos diferentes tratamentos ou ao propio proceso da enfermidade. Sempre coa finalidade de mellorar a calidade de vida e manter un estado nutricional axeitado.

Iria González é dietista-nutricionista no Centro de Saúde de Fene. Realizou o grao en Nutrición Humana e Dietética e un Máster Universitario en Condicións Xenéticas, Nutricionais e Ambientais no Crecemento e Desenvolvemento. Desde 2019 traballa como dietista-nutricionista no ámbito clínico privado. E en decembro de 2022 incorpórase ao SERGAS (CS Fene), como dietista-nutricionista, con funcións tanto na asistencia clínica como na comunitaria.