Todo preparado para celebrar unha nova edición do Encontro de Palilleiras

Todo preparado para celebrar unha nova edición do Encontro de Palilleiras

A cita será no Pavillón A Xunqueira de San Valentín o sábado 13 de abril, e xuntará varios centos de palilleiras procedentes de todo o País.

Haberá trinta e dous postos de artesanía e materiais relacionados co tecido, así como unha exhibición de baile a cargo de May Dance Studio.

O Encontro de Palilleiras, terá lugar o sábado 13 de abril no Pavillón A Xunqueira de San Valentín. Unha cita organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre e da Liga de Amigos de Barallobre.

A edición deste ano volverá xuntar varios centos de palilleiras procedentes de todo o País. Ademais, está prevista a participación de 32 postos de artesanía e materiais relacionados co tecido, que permitirán ás visitantes achegarse a coñecer o senfín de elaboracións que se poden realizar coa técnica do palillado, e tamén mercalas.


O Encontro de Palilleiras de Fene é pois unha visita obrigada para as persoas afeccionadas ao encaixe, bordado, calceta, patchwork e outras técnicas relacionadas co tecido, máis tamén para o público xeral.

Ao longo da xornada tamén haberá tempo para a animación, cunha exhibición de baile a cargo da Academia May Dance Studio, e sorteos de produtos cedidos tanto polas agrupacións participantes como por diferentes establecementos do comercio local fenés. Como noutras edicións, os cartos recadados doaranse a unha causa benéfica, nesta edición a favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).

Axenda da xornada

A xornada iniciarase ás 10.30h coa recepción das participantes, para dar paso á presentación oficial, que decorrerá contra as 11.30h. Ás 12.30h terá lugar a exhibición de baile a cargo da Academia May Dance Studio, e tras unha pausa para xantar entre as 14.00 e as 16.00h, a xornada continuará pola tarde, coa entrega de diplomas ás participantes e os sorteos ás 18.00h. A clausura do Encontro está previsto para ás 19.00h.