Novas

10-03-2025

O autobús do teatro volta ao Concello de Fene

O Concello de Fene colabora un ano máis co Programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego, iniciativa pola que se fretan autobuses a diferentes municipios galegos para achegar a veciñanza ás representación teatrais que se desenvolven no Salón Teatro de Santiago. A cita para os/as feneses será o venres 4 de abril, con saída ás 15 horas da Avda. do Concello e retorno aproximado sobre as 21 horas. A representación da obra “A burra, a mesa e o pau” comezará ás 18 horas e o prezo da entrada ascende a 5 euros (autobús de balde).
Para asistir á representación haberá que inscribirse antes do 2 de abril no departamento de Cultura e Deportes, por teléfono 981 340 366 ou por correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal, indicando nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.
04-03-2025

A escritora, música e astrónoma amadora Estíbaliz Espinosa participa este xoves no ciclo Contando Ciencia

Baixo o suxerente título de Multiverso de telescopías, a escritora e astrónoma amadora Estíbaliz Espinosa falará este xoves, 6 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A conferencia encádrase no ciclo Contando Ciencia que organiza a biblioteca O segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A entrada ao acto será de balde e aberta a todo tipo de público, até completar o aforo.
03-03-2025

Todo preparado para o desfile do Mércores de Cinza

O Concello de Fene organiza un ano máis o desfile de entroido, no que ante a previsión da gran cantidade de comparsas participantes, a Concellería de Cultura informa do cambio de itinerario por motivos de organización e de seguridade viaria, deste xeito as comparsas non pasarán polo cruce de Fene e a Avda. Naturais.

Mantense a concentración das comparsas ás 17.30 horas nas rúas San San Salvador e Avda.do Tarrío, sendo a saída ás 18.00 horas dirección Avda. do Marqués de Figueroa, Rúa da Fraga e Avda. do Concello.

No enlace, adxuntamos  a orde do desfile,  as actuacións no palco e o dispositivo de tráfico da Policía Local. Una vez rematadas as actuacións, procederase á lectura do testamento (este ano realizado pola nosa veciña Paula Carballeira), a queima do Entroido na Avda. do Concello e a tirada dos fogos de artificio no Parque Castelao.
27-02-2025

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público das distintas dependencias da Casa da Cultura de Fene: Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais, por mor da próxima celebración das festas do Entroido.
Así, o sábado 1 de marzo estas instalacións permanecerán pechadas. O luns 3 e o martes 4, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o 5 de marzo, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada. A partir do xoves 6, reanudarase o horario habitual de inverno da Casa da Cultura: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
27-02-2025

Mari Carmen Sendón e Laura Cartamil unen os seus dotes artísticos na exposición Dime que ves?

Trátase dunha mostra de gravado e estampación na que as pezas foron elaboradas a partir de padróns persoalizados e elementos da natureza como follas, pólas, etc. En Dime que ves?, Mari Carmen Sendón e Laura Cartamil realizaron as impresións empregando papeis maioritariamente feitos a man e unha gama de cores exclusivas. A exposición inclúe tamén unha colección de faros de cerámica nos que se representa o “constante movemento do mar e o vento que zoa. Tamén se reflicten as constelacións polas que adoitaban guiarse os mariños e os cantís nos que se asentan os faros, representados con arxila refractaria pintada con óxidos e cocida a alta temperatura”.
Dime que vés? poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene do luns 3 ao luns 31 de marzo no horario habitual da instalación. Para o sábado 8 de marzo, ás 11.00 horas, anúnciase o acto inauguración da mostra que incluirá un recital de poesía a cargo da escritora ferrolá Amelia de Querol. Entrada libre e de balde. 
26-02-2025

Récord de comparsas no Entroido de Fene

Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, A Canteira do Puntal, ANPA Belén, Os Scratchados, A Revolta de Trasancos, Os Parrandolos, Troupele troupele, Artistas de Centieiras, Os Fenetásticos, Altri Non, OJE Ferrol, Santa Compaña, O Dragón Parrandolo e Paso a Paso. Son as 16 agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a Concellería de Cultura de Fene para o mércores 5 de marzo, no marco da súa programación do Entroido 2025. As actividades concentraranse, coma todos os anos, en dúas xornadas.
Na do Martes de Entroido haberá festa infantil con reparto de lambetadas e verbena nocturna coa orquestra Panamá Band. E o mércores, as protagonistas serán as comparsas. O vindeiro luns, 3 de marzo, antes das 15 horas, publicarase na web do Concello de Fene a orde do desfile de comparsas para ese día.
24-02-2025

Os Concellos de Fene, Mugardos e Neda promoven un proxecto de Prevención e resolución de conflitos na aula desde a educación emocional

Sensibilizar ao alumnado e ás familias na prevención e resolución de conflitos tomando como base a educación emocional; desenvolver habilidades sociais e emocionais para identificar e previr o acoso escolar; axudar a resolver conflitos de forma saudable e respectuosa, a partir da educación emocional, a disciplina positiva e a comunicación non violenta; dar a coñocer e poñer en práctica estratexias e ferramentas para a identificación e resolución de conflitos; e proporcionar ferramentas que melloren a comunicación e aprender a comunicarse de forma asertiva.
Son os principais obxectivos do programa de Prevención e resolución de conflitos na aula desde a educación emocional que promoven os Concellos de Fene, Mugardos e Neda, subvencionado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. 
17-02-2025

Día de Rosalía 2025

Sumándose ao chamamento que todos os anos fai por estas datas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello de Fene festexará este venres, 21 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo familiar co que se pretende achegar as novas xeracións á figura da nosa autora máis internacional. Farao co obradoiro musical Rosalía Cantareira no que a intérprete Jara Ortiz levará a escea distintas cantigas baseadas nos poemas de Rosalía, amais de ensinar a procedencia dos diferentes ritmos da nosa música tradicional a través da pandeireta. A función será o venres, 21 de febreiro, ás 18.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Función aberta ao público en xeral aínda que especialmente recomendada para nenos/as de 6 a 12 anos.
11-02-2025

“Mentiras, malditas mentiras e estatísticas” no ciclo Contando Ciencia

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras Casais achégase a Fene para participar no ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A actual directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga, falará este xoves, 13 de febreiro, na Casa da Cultura de Fene sobre as “Mentiras, malditas mentiras e estatísticas”. A conferencia comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo.
06-02-2025

Coa apertura do prazo de inscrición para as comparsas, comeza a conta atrás para o Entroido 2025 do Concello de Fene

Abre o prazo de inscripción para as comparsas que queiran participar no desfile e festival de Entroido que terá lugar o mércores de cinza no Concello de Fene. As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo desde hoxe até ás 14.00 horas do luns 24 de febreiro de 2025 no Rexistro Xeral do Concello de Fene. Formularios de inscrición dispoñibles na web municipal www.fene.gal