Novas

18-04-2024

A Biblioteca Municipal de Fene conmemorará o vindeiro martes o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio”, festexará a biblioteca de Fene o Día do Libro, o vindeiro martes 23 de abril, ás 18 horas (entrada libre e de balde até completar o aforo). Trátase dunha función de maxia clásica adaptada aos nosos tempos, con aparicións e desaparicións, levitacións imposibles e maxia interactiva na que o público será o grande protagonista.
16-04-2024

Xurxo Lobato presenta o seu libro “Rostros de la memoria. Ferrol 1972” en Fene 

A Casa da Cultura de Fene acolle o xoves 18 de abril a presentación do libro Rostros da Memoria Ferrol 1972. Será ás 19.00 h, nun acto no que contaremos coa presenza do autor Xurxo Lobato; o alcalde de Fene, Juventino Trigo e Susana Alaniz, presidenta da Asociación Cultural Fuco Buxán. No acto; aberto á cidadanía até completar aforo; o autor conversará sobre o libro, protagonizado por trinta persoas fotografadas en branco e negro, que sufriron a represión franquista polas loitas obreiras de Ferrol de 1972. Actividade organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán coa colaboración do Concello.
21-03-2024

Este venres cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada Semana Santa, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o venres 22 de marzo e até o vindeiro 1 de abril, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.
20-03-2024

Nova sesión do Club de lectura da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé

Con máis de sesenta mil exemplares vendidos da súa obra e co recente Premio Xerais acadado pola súa última novela, Nadie contará la verdad, o autor Pedro Feijoo consolídase coma un dos autores máis sólidos da narrativa galega. E esta tarde, de 18.00 a 19.30 horas será o protagonista dunha nova sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene.
13-03-2024

Presentación de Cinza na Casa da Cultura de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, volven a Fene este venres para presentar na Casa da Cultura Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza. O acto, organizado pola Concellería de Cultura, comezará o venres ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
12-03-2024

María del Mar Tomás fala este xoves sobre a resistencia aos antibióticos no ciclo Contando Ciencia

Innovación para vencer a resistencia antimicrobiana, é o tema da penúltima sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A convidada nesta ocasión é a doutora en Medicina María del Mar Tomás Carmona. Falará este xoves, 14 de marzo, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Entrada libre e de balde até completar o aforo.
28-02-2024

Presentación na Casa da Cultura de Fene do novo libro do escritor Manuel Díaz Vázquez

Tananarive. Pequeño atlas literario (TerraIgnota Ed.), de Manuel Díaz Vázquez, “é un exercizo de imaxinación con non poucas doses de humor, e que pretende, tácita e expresamente, rendir homenaxe a algúns escritores que inspiraron ao autor a semellante práctica, co risco de acabar entre reixas”. Así se define a nova obra do escritor ferrolán que se presenta este xoves, 29 de febreiro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene.. No acto, o autor asinará exemplares da obra aos/ás asistentes.
 
27-02-2024

Segunda xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do autor protagonista, Rober H.L. Cagiao

Sobre o libro Entroido, de Rober H.L. Cagiao, xirará este mércores a segunda sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 17.00 a 18.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.
20-02-2024

Teño cancro, pode ser hereditario?

O ciclo que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae esta semana a Fene á doutora en Medicina Begoña Graña Suárez. A conferencia da especialista en Oncoloxía Médica terá lugar este xoves, 22 de febreiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
19-02-2024

Día de Rosalía 2024

Sumándose ao chamamento que todos os anos fai por estas datas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Concello de Fene festexará este xoves, 22 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro cun espectáculo familiar co que se pretende achegar ás novas xeracións a figura da nosa autora máis internacional. Contando con Rosalía, de Marisa Irimia, representarase o xoves ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Función recomendada para nenos/as de 4 a 11 anos.