Fene hoxe

Inicio   Fene hoxe
31-07-2026

O Concello de Fene recupera a celebración das festas patronais de San Salvador

O Concello de Fene recupera este ano a celebración das festas patronais de San Salvador, unha cita que volverá formar parte do calendario festivo do municipio os días 5 e 6 de agosto cunha programación pensada para todas as idades e que combinará música, animación, gastronomía e tradición.
A iniciativa parte do propio Concello, que decidiu impulsar directamente a organización da festa co obxectivo de recuperar unha celebración profundamente vencellada á historia da vila. Deste xeito, o municipio volverá celebrar o seu patrón coincidindo co festivo local de San Salvador, recuperando unha cita que durante anos formou parte do calendario festivo de Fene.
29-07-2026

O Concello de Fene leva ao festival Felicia un concerto de The Homens

O grupo compostelán The Homens amenizará este sábado, 1 de agosto, a sesión vermú do Felicia Pop Festival no Parque da Hortiña de Limodre, a partir das 12.30 horas. A actuación está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración do programa Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia. Entrada libre e de balde.
Dez anos despois do seu último concerto e dezaseis trala publicación do último disco, volven The Homens! Nesta nova etapa, o trío referente do power pop en galego combinará en directo as cancións das súas catro referencias discográficas.
13-07-2026

Fene acollerá unha xornada gratuíta de degustación para poñer en valor as Ostras do Artábrico

O Concello de Fene acollerá este martes 14 de xullo unha xornada de degustación dedicada ás Ostras do Artábrico, unha iniciativa que busca divulgar e poñer en valor este produto do mar a través dunha experiencia gastronómica aberta ao público.
A actividade desenvolverase nunha carpa instalada na praza do Concello de Fene, entre as 19.00 e as 21.30 horas. A participación será gratuíta, aínda que o aforo é limitado, polo que será necesario realizar inscrición previa a través da ligazón i.gal/ostras.
09-07-2026

Fene reivindica a cultura, a memoria e o compromiso colectivo no acto institucional do Día da Patria Galega

O Concello de Fene celebrou esta tarde no Parque Lineal o acto institucional con motivo do Día da Patria Galega, unha cita que reuniu veciñanza e representantes do tecido asociativo e institucional para reivindicar a identidade galega, a cultura e o compromiso colectivo co país. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, pechou o acto cunha intervención na que definiu o 25 de xullo como “un día para celebrar quen somos, de onde vimos e, sobre todo, cara a onde queremos camiñar como pobo”. Durante o seu discurso subliñou que a patria “non é unha idea abstracta nin unha palabra baleira”, senón que “se constrúe cada día” a través da lingua, da cultura, da defensa dos servizos públicos, da igualdade e do traballo colectivo. 
O humorista gráfico, dramaturgo e investigador teatral Paco Oti foi o encargado de elaborar este ano a declaración institucional, cun chamamento á paz, á defensa da identidade galega e ao papel da cultura como ferramenta de construción colectiva 
05-07-2026

Danza, música e humor na semana central do ciclo Xullo, Mes da Patria que concluirá cun acto institucional no Monumento 25 de xullo e concertos

O luns 6 de xullo ás 20.30h, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o espectáculo de danza contemporánea Un Baile Ceibe en Comunidade, da compañía de Fran Sieira, unha proposta que revisita o folclore galego desde unha linguaxe escénica actual. A continuación terá lugar o concerto do grupo Encrucillada, que celebrará o seu décimo aniversario cun repertorio centrado na música para baile e foliada.
 
O martes 7 de xullo ás 20.30h celebrarase unha nova edición do tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, coa participación da Rondalla Estrelecer, da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, de Tradicoro e da Coral Polifónica O Pote de Maniños.
25-06-2026

O Concello de Fene presenta unha nova edición do ciclo “Xullo, Mes da Patria” cunha programación cultural para todos os públicos

O Concello de Fene presentou hoxe a programación dunha nova edición de “Xullo, Mes da Patria”, unha proposta cultural consolidada no calendario municipal que volverá encher as rúas e prazas de actividade entre os días 3 e 9 de xullo, coincidindo coa celebración do Día da Patria Galega. A programación combina espectáculos familiares, música tradicional, danza contemporánea, humor e concertos, cunha aposta clara pola cultura galega e pola participación da veciñanza.
O concelleiro de cultura, Justo Ardá, destacou que “Xullo, Mes da Patria é unha programación que busca celebrar a nosa cultura desde diferentes expresións artísticas, combinando tradición e contemporaneidade e ofrecendo propostas para públicos moi diversos”. A alcaldesa, Sandra Permuy, subliñou tamén que “esta iniciativa é unha oportunidade para reivindicar a identidade galega desde a cultura, a creación e a participación cidadá”.
08-06-2026

Feira literaria, charlas e presentación de novidades nas III Xornadas Literarias do Pote que se celebrarán este venres

"Converter o noso Concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas". Con este obxectivo naceron as Xornadas Literarias do Pote que organizan a Concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA. A terceira edición deste encontro, que cada ano vai medrando e afianzándose, terá lugar este venres, 12 de xuño, a partir das 18.00 horas, nunha carpa instalada a carón da entidade de Maniños. Nesta terceira edición das xornadas, un dos principais atractivos será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no encontro: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais. As persoas que asistan a estas III Xornadas Literarias do Pote tamén poderán visitar a feira literaria que se instalará a partir das 18.00 horas nos arredores do Pote, coa participación de autores e autoras de Ferrolterra e arredores. Feira organizada coa colaboración da Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER) e de Imprenta Sanesteban. 
27-02-2026

Abre o prazo de inscrición para o XVI Concurso de Tapas de Fene, que se celebrará do 10 ao 19 de abril

O Concello de Fene vén de abrir o prazo de inscrición para participar no XVI Concurso de Tapas, que se desenvolverá entre os días 10 e 19 de abril, coa participación dos establecementos hostaleiros do municipio que queiran sumarse a esta iniciativa de promoción gastronómica e dinamización económica.
Os locais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 13 de marzo, ben a través do rexistro xeral do Concello de Fene ou da sede electrónica no caso de persoas físicas, ou exclusivamente a través da sede electrónica no caso de persoas xurídicas. Ademais, será obrigatorio o envío dunha fotografía da tapa durante o período de inscrición ao enderezo electrónico desenvolvemento.local@fene.gal.
26-02-2026

Convocatoria XVI Concurso de Tapas de Fene 2026

16-02-2026

Catorce comparsas participarán o mércores no desfile do Entroido de Fene

A concentración das comparsas terá lugar ás 17.45 horas nas rúas San Salvador e Tarrrío de Perlío. A hora de saída será ás 18.00 horas, percorrendo a Marqués de Figueroa, a rúa da Fraga e rematando na Praza do alcalde Ramón J. Souto González co desfile e actuación das comparsas, a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico.

No caso de anular o desfile por mal tempo (publicarase no web e redes sociais o mércores 18 ao mediodía), a concentración das comparsas terá lugar ás 18.30 horas (por orde, segundo o listado) na Praza do alcalde Ramón J. Souto González, manténdose a dita actuación, a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico.

No caso de previsións meteorolóxicas adversas, con alertas indicadas pola Xunta de Galicia (AEMET), dende o Departamento de Cultura do concello indican  que se tomarán as medidas preventivas necesarias.
12 3 4 5 6 7 >>