No certame premiáronse os traballos de Nerea Italia, do CPI San Sadurniño, Salma García, do IES Canido, e Candela Salgado, do CPI San Sadurniño

Entrega de premios do I Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Iago González, do CEIP Canosa Rus, foi finalista nesta primeira edición do concurso

Coincidindo coa conmemoración da semana dos museos en internet, tamén chamada Museum Week, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial entregan esta tarde en Fene os premios do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno” que, nesta primeira edición, xirou en torno ao tema: “Galiza e a súa riqueza natural”. As obras presentadas ao certame e as gañadoras xa se poden ver na web museodohumor.fene.gal nunha exposición virtual. E no vindeiro mes de novembro, coincidindo co aniversario do museo, os debuxos gañadores formarán parte da exposición dos Premios Curuxa 2023.

A entrega de premios comezará ás 18.30 horas no Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. De Conces, 20-22). Asistirán, xunto cos premiados/as e unha representación das dúas entidades organizadoras, o alcalde de Fene en funcións, Juventino Trigo, e o concelleiro de Cultura en funcións, Justo Ardá.

Na xuntanza celebrada o pasado 9 de maio, o xurado do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno” acordou por maioría entregar os seguintes premios:

• 1º Premio, dotado con 200 euros e diploma, ao traballo presentado co título “Vistas galegas”, de Nerea Italia Couce, alumna do CPI San Sadurniño. O xurado valorou “a súa capacidade para empregar a linguaxe narrativa propia do cómic, o acerto no uso dos diálogos e o nivel técnico de acabado”.

• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial e diploma, ao traballo presentado co título “A galiña”, de Salma García Castro, do IES Canido. O xurado valorou “a capacidade de síntese da autora o uso do humor a través do xogo de palabras e o uso da cor e da metalinguaxe do cómic” .

• 3º Premio, dotado cun lote de material artístico e diploma, ao traballo presentado co título “A ovella Rigoberta”, de Candela Salgado Calvo, do CPI San Sadurniño. O xurado valorou “o uso dun humor gamberro e desenfadado, o acertado uso dos planos en cada unha das viñetas da historia e unha boa rotulación”
Asemade, o xurado acordou nomear finalista, con diploma, ao traballo presentado por Iago González Pombo, do CEIP Canosa Rus de Coristanco, co título “Unha pataca no monte”.

Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial