Nerea Italia Couce, do CPI San Sadurniño, foi a gañadora do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno”. No certame, convocado polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, premiáronse tamén os traballos de Salma García, do IES Canido e de Candela Salgado do CPI San Sadurniño.
O xurado da primeira edición do Concurso de BD de Humor "Demo Pequeno" -formado polos debuxantes Santy Gutiérrez e Luís Sendón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a Coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- reuniuse o 9 de maio de 2023 e acordou conceder por maioría os seguintes premios:
• 1º Premio, dotado con 200 euros e diploma, ao traballo presentado co título “Vistas galegas”, de Nerea Italia Couce, alumna do CPI San Sadurniño. O xurado valorou “a súa capacidade para empregar a linguaxe narrativa propia do cómic, o acerto no uso dos diálogos e o nivel técnico de acabado”.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial e diploma, ao traballo presentado co título “A galiña”, de Salma García Castro, do IES Canido. O xurado valorou “a capacidade de síntese da autora o uso do humor a través do xogo de palabras e o uso da cor e da metalinguaxe do cómic”.
• 3º Premio, dotado cun lote de material artístico e diploma, ao traballo presentado co título “A ovella Rigoberta”, de Candela Salgado Calvo, do CPI San Sadurniño. O xurado valorou “o uso dun humor gamberro e desenfadado, o acertado uso dos planos en cada unha das viñetas da historia e unha boa rotulación”
Asemade, o xurado acordou nomear finalista, con diploma, ao traballo presentado por Iago González Pombo, do CEIP Canosa Rus de Coristanco, co título “Unha pataca no monte”.
Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial.