Noticias

30-09-2026

Cultura para todas desde Fene

A xornada Cultura para todas, acceso e inclusión nas actividades culturais, da Deputación da Coruña, reuniu onte á tarde na Casa da Cultura de Fene a unha nutrida representación das asociacións culturais e veciñais do Concello de Fene.

A actividade, centrada de xeito práctico nas “barreiras que existen nos proxectos e espazos culturais, e nas medidas de accesibilidade que se poden aplicar para reducir ou eliminar esas barreiras” contou con intervencións de: Rubén Capelán, xestor cultural de Mada Producións especializado en accesibilidade cultural, consultor de accesibilidade e técnico de accesibilidade auditiva; Fran Carreira, arquitecto e usuario de cadeira de rodas que desempeña parte do seu labor como asesor voluntario en accesibilidade universal, colaborando con administracións e entidades para mellorar a inclusión nos espazos urbanos e edificados en Galicia; e Aitana García, técnica especialista en Accesibilidade Cognitiva e Sensorial na Federación Autismo Galicia.

29-09-2026

Fene súmase este domingo á XIX Limpeza Simultánea de Ríos

As entidades fenesas AETNA e Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula participarán esta fin de semana, coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente, nunha nova edición da campaña Móllate polos ríos. Con esta iniciativa, promovida pola organización ecoloxista Adega, preténdese movilizar a centos de voluntarios e voluntarias de toda Galicia para “recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais”.

En Fene, a XIX Limpeza Simultánea de Ríos centrarase na retirada de refugallos no río Baa ao seu paso por Vilar do Colo (Bétula) e na parroquia de Maniños (Aetna). As persoas que desexen colaborar poden apuntarse como voluntarias nos teléfonos 651 884 692 (Betula) e 610 364 551 (Aetna) ou enviar un correo electrónico a custodia.betula@gmail.com // mjgarciaponte@gmail.com. Tamén se poden presentar o mesmo día da limpeza, o domingo 4 de outubro, ás 10.30 horas, en calquera dos locais sociais das entidades participantes.

A revisión do PXOM de Fene avanza cara a adxudicación e abrirá unha primeira fase de participación veciñal

O Concello de Fene continúa avanzando na tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O procedemento de contratación conta xa cunha proposta de adxudicación e a empresa seleccionada atópase actualmente no prazo establecido para presentar a documentación requirida, paso previo á formalización do contrato.

A revisión do planeamento urbanístico municipal foi licitada cun orzamento de 272.435,05 euros, IVE incluído, co obxectivo de dotar Fene dun novo instrumento de ordenación que substitúa o PXOM vixente, aprobado en 2003, e permita adaptar a planificación municipal á realidade territorial, social, económica e normativa actual.

Unha vez formalizado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de un mes para presentar o plan de traballo, no que se concretarán a metodoloxía e a planificación das diferentes fases. A partir de aí, contará con oito meses para a elaboración e entrega do documento base que servirá como punto de partida para o desenvolvemento do novo planeamento.


O Concello de Fene culmina a renovación de preto de 500 táboas na pasarela de San Valentín e prepara novas melloras

O O Concello de Fene vén de culminar unha nova actuación de mantemento e conservación na pasarela de San Valentín, na que durante as últimas semanas se procedeu á substitución de preto de 500 táboas de madeira, ademais da reposición e colocación de diferentes elementos necesarios para manter a infraestrutura en boas condicións de uso.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, visitaron a zona para comprobar o resultado dos traballos desenvolvidos polo Concello e avaliar as próximas intervencións necesarias nun espazo moi utilizado diariamente pola veciñanza tanto para os desprazamentos a pé como para o paseo e o lecer.


A Biblioteca Municipal de Fene estreará a programación de outono cunha visita da Fada Diana

Danza, circo, maxia e música combínanse no espectáculo de narración oral A Fada Diana que a contacontos Ariadna Santana representará no salón de actos da Casa da Cultura de Fene o xoves 1 de outubro, ás 18.00 horas. A función, dirixida público de todas as idades aborda a cuestión da reciclaxe “para lembrarnos que o cambio só é posible coa colaboración de todas e todos en igualdade”. Entrada libre e de balde.

Coa súa maxia, a Fada Diana pretende motivar á mocidade e aos nosos maiores a coidar do planeta, demostrando que cada pequeno xesto conta e para crear un futuro mellor. Por que o seu lema é: Xuntas, podemos ser heroínas e heroes!


Axenda

  • 22-09-2026

    Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene

    Cultura

    As persoas que desexen apuntarse neste club de lectura para público adulto poderán facelo desde o mércores 23 de setembro, presencialmente na propia biblioteca ou por teléfono no 981 342 302 ou 607 625 346, en horario de 16.00 a 21.00 horas (agás os sábados nos que o horario é de 10.00 a 13.00 horas).

    Máis info
  • 23-09-2026

    Caricaturistas de profesión

    Museo do Humor Xaquín Marín

    Até o 31 de outubro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene.  

    Máis info
  • 22-09-2026

    Inscricións programa Indira

    Benestar e igualdade

    O prazo para anotarse permanecerá aberto entre o 21 de setembro e o 2 de outubro 

    Máis info

Tamén en fene.gal