Novas
-
Fene avanza na limpeza dos ríos urbanos e reforza a prevención ante a temporada de choivas
O Concello de Fene avanza nos traballos programados de limpeza e acondicionamento dos cursos fluviais urbanos do municipio, unha actuación preventiva destinada a facilitar a circulación da auga e reducir o risco de incidencias coa chegada dos meses de maior intensidade das precipitacións.
A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron os traballos realizados nas últimas semanas, que incluíron a limpeza do río Cádavo ao seu paso polas zonas urbanas de Fene e Perlío, así como intervencións nos cursos de auga situados en Barallobre, Maniños e Limodre.
-
Fene traslada á Deputación a súa preocupación polo abastecemento de auga e reclama rigor ante a reparación da condución na Ponte das Pías
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, mantivo unha xuntanza co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e coa deputada de Plans Provinciais, Cristina García, para trasladarlles a situación do sistema de abastecemento de auga da comarca e, en particular, a problemática existente na condución da Ponte das Pías.
O encontro prodúcese nun contexto marcado pola situación de seca deste ano e polo descenso das reservas do encoro das Forcadas, do que depende o abastecemento de Fene e doutros municipios da comarca. A menor dispoñibilidade de recursos hídricos volve poñer o foco sobre o estado das infraestruturas de distribución e sobre a necesidade de reducir as perdas existentes na rede. Un dos principais puntos de preocupación atópase na condución da Ponte das Pías, unha infraestrutura afectada polo paso do tempo e na que existe unha fuga pola que se estima unha perda diaria de arredor de 1.000 metros cúbicos de auga.
-
Fene amplía a compostaxe de biorresiduos coa instalación de 35 composteiros e unha illa comunitaria en Perlío
O Concello de Fene continúa coa implantación de novos sistemas para a separación e tratamento en orixe dos residuos orgánicos coa posta en funcionamento dunha illa de compostaxe comunitaria nas vivendas do Castro, en Perlío. A actuación complementa a campaña iniciada recentemente para distribuír 35 composteiros individuais entre vivendas do municipio que dispoñan de parcela ou horta.
A nova área comunitaria foi acondicionada nunha parcela municipal e conta con tres módulos para a achega de residuos orgánicos, un caixón para o material estruturante e cartelaría informativa sobre o funcionamento do sistema e o proceso de compostaxe. Os traballos incluíron tamén o acondicionamento do espazo e a correspondente acometida de auga.
