A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol está composta polos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.

Estes concellos ocupan en total unha superficie de 444,4 Km2, na que se encontran numerosos e importantes Espazos Naturais Protexidos, en particular o Lugar de Importancia Comunitaria Costa Ártabra, que percorre a maior parte da liña costeira formada polos nove concellos, e o Parque Natural Fragas do Eume en Cabanas, xunto co Lugar de Importancia Comunitaria Xubia-Castro entre Neda e Narón.

Cunha poboación que roza os 160.000 habitantes, a Mancomunidade forma unha área supramunicipal densamente conectada dende o punto de vista histórico, social e económico.

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol constituíuse en xuño de 1971 cos municipios de Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón e Neda aos que se incorporou o concello de Valdoviño en 1977, o de Cedeira en 2010, e finalmente o de Cabanas en 2012. Deste xeito desenvolveuse unha entidade supramunicipal que actúa como espazo de coordinación entre os representantes e técnicos municipais, e ao que progresivamente se incorporan funcións e servizos de acordo cunha perspectiva de coherencia territorial, calidade e optimización de recursos.

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol
Casa do Concello de Ferrol, (2º andar)
Praza de Armas s/n - 15402 Ferrol 
Teléfono: 981944000 Ext. 378

Ligazóns