Novas

05-11-2026 -

Cunha conferencia do responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura comezará a vindeira semana a sexta edición de Contando Ciencia

Volve Contando Ciencia, un programa que retoma a súa actividade co novo curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. Ciclo organizado pola Concellería de Ensino de Fene coa colaboración do IES de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
Contando Ciencia 2026-27 principiará o xoves 12 de novembro co relatorio “Control da velutina e outras vespas asiáticas”, a cargo do responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Rafael Díaz Nieto.
04-11-2026 -

Quico Cadaval na primeira función do Novembro, mes do humor

Este venres, 6 de novembro, arrinca o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta primeira xornada, na que ademais se entregarán os Premios Curuxa 2026, o protagonista será Quico Cadaval. O espectáculo, titulado “30 anos a contar historias. Notas de rodapé ”, comezará ás 20.00 horas. A entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
“30 anos a contar historias. Notas de rodapé ” é un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.
04-11-2026 -

O Concello de Fene renovará a iluminación do Parque Castelao con novas torretas e proxectores LED

O Concello de Fene acometerá unha actuación de renovación da iluminación do Parque Castelao, coa instalación de catro novas torretas equipadas con proxectores LED de alta capacidade luminosa. A intervención permitirá mellorar a visibilidade nas diferentes zonas do recinto e substituír o actual sistema por unha solución máis eficiente, resistente e adaptada ás características deste espazo público.
O proxecto parte dos problemas que presenta actualmente a iluminación do parque, baseada en boa medida en luminarias instaladas a nivel do chan. A súa localización fai que estes elementos estean especialmente expostos a actos vandálicos, danos e roubos, incidencias que se veñen producindo de maneira reiterada e que dificultan manter a instalación en correcto funcionamento.
03-11-2026 -

Risas con “Dous no camiño” este domingo en Sillobre

Isabel Risco e Fran Rei protagonizan a función teatral Dous no camiño (As lendas Xacobea como nunca chas contaron) que se poderá ver este domingo, ás 11.30 horas, na SCRD. Agarimo de Sillobre, con entrada libre e de balde (función aprazada do pasado 17 de outubro).
Dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, trátase dunha revisión e actualización a través do humor e o descaro das lendas xacobeas máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés, a da barca de pedra de Muxía e a do traslatio do Apóstolo Santiago de Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas.
 
02-11-2026 -

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2026

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2026, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 6 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Juan Gabriel Benavides, Juli Sanchís, Anxo Iglesias e Matías Tolsá recibirán os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
30-10-2026 -

Fene avanza na limpeza dos ríos urbanos e reforza a prevención ante a temporada de choivas

O Concello de Fene avanza nos traballos programados de limpeza e acondicionamento dos cursos fluviais urbanos do municipio, unha actuación preventiva destinada a facilitar a circulación da auga e reducir o risco de incidencias coa chegada dos meses de maior intensidade das precipitacións.
A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron os traballos realizados nas últimas semanas, que incluíron a limpeza do río Cádavo ao seu paso polas zonas urbanas de Fene e Perlío, así como intervencións nos cursos de auga situados en Barallobre, Maniños e Limodre.
 
28-10-2026 -

Fene traslada á Deputación a súa preocupación polo abastecemento de auga e reclama rigor ante a reparación da condución na Ponte das Pías

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, mantivo unha xuntanza co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e coa deputada de Plans Provinciais, Cristina García, para trasladarlles a situación do sistema de abastecemento de auga da comarca e, en particular, a problemática existente na condución da Ponte das Pías.
O encontro prodúcese nun contexto marcado pola situación de seca deste ano e polo descenso das reservas do encoro das Forcadas, do que depende o abastecemento de Fene e doutros municipios da comarca. A menor dispoñibilidade de recursos hídricos volve poñer o foco sobre o estado das infraestruturas de distribución e sobre a necesidade de reducir as perdas existentes na rede. Un dos principais puntos de preocupación atópase na condución da Ponte das Pías, unha infraestrutura afectada polo paso do tempo e na que existe unha fuga pola que se estima unha perda diaria de arredor de 1.000 metros cúbicos de auga.
28-10-2026 -

Fene amplía a compostaxe de biorresiduos coa instalación de 35 composteiros e unha illa comunitaria en Perlío

O Concello de Fene continúa coa implantación de novos sistemas para a separación e tratamento en orixe dos residuos orgánicos coa posta en funcionamento dunha illa de compostaxe comunitaria nas vivendas do Castro, en Perlío. A actuación complementa a campaña iniciada recentemente para distribuír 35 composteiros individuais entre vivendas do municipio que dispoñan de parcela ou horta.
A nova área comunitaria foi acondicionada nunha parcela municipal e conta con tres módulos para a achega de residuos orgánicos, un caixón para o material estruturante e cartelaría informativa sobre o funcionamento do sistema e o proceso de compostaxe. Os traballos incluíron tamén o acondicionamento do espazo e a correspondente acometida de auga.
27-10-2026 -

Charla informativa sobre Incontinencia, hixiene e protección

A delegada de Servizos de Atención Domiciliaria do Club de Coidadores, Beatriz Corredoira García, ofrecerá unha charla en Fene sobre hixiene e coidado da pel das persoas dependentes, afondando tamén na racionalización e no uso axeitado de productos. A formación, titulada Incontinencia, hixiene e protección, desenvolverase na Casa da Cultura o xoves 5 de Novembro, de 16.30 a 18.00 horas.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente (ao obxecto de prever o número de agasallos a entregar) antes do 3 de Novembro, no departamento municipal de Servizos Sociais: no teléfono 981 342 607/ 981 492 706 ou no correo electrónico servizos.sociais@fene.gal.
27-10-2026 -

Aberto o prazo de presentación de candidaturas para a VI Gala do Deporte do Concello de Fene

O Concello de Fene vén de facer públicas as bases que rexerán a organización dunha nova edición da Gala do Deporte, evento co que se pretende “reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello”. Recoñécese, deste xeito, o seu traballo e traxectorias deportivas relevantes no ano ou tempada 2025/6. Poderán optar tanto as persoas físicas, clubs deportivos como as entidades do municipio que cumpran os requisitos establecidos en cada unha das categorías.
A Concellería de Deportes habilitou a dirección de correo electrónico deportes.fene@gmail.com para o envío de información (até as 23.59 horas do 11 de novembro de 2026), resolución de dúbidas e consultas referentes ao evento que terá lugar o sábado 28 de novembro, ás 18 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Os nomes dos premiados daranse a coñecer publicamente na páxina web do Concello antes da Gala (entre o 17 e o 20 de novembro).