Desfiles, baile, música, sorteos, obradoiros, degustacións… e moitos descontos e promocións son tan só algúns dos reclamos da Fashion Night de Fene que se celebrará o vindeiro sábado 15 de xuño baixo o lema “Festa en Branco”. Unha cita que avanzaban o alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, e o presidente da Asociación O Cruceiro, Juan Ramos.
Na organización Concello e Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro volven aúnar esforzos e, finalmente, serán 36 establecementos de comercio e hostalería os adheridos á programación prevista. Así mesmo, e como principal novidade, nesta edición a Fashion Night terá a temática ibicenca por bandeira, co que se anima á veciñanza a participar da mesma vestíndose de cor branca. Así mesmo, o performance Pablo Méndez realizará ao longo do día tres pasarrúas baixo o título que dá nome á Fashion Night: ás 18 horas pola Avenida Marqués de Figueroa; ás 20 horas pola Avenida Naturais, e ás 23 horas pola rúa da Fraga.