Novas

25-05-2026 -

Peche temporal e parcial da piscina municipal de Centieiras

Infórmase a todos/as os/as usuarios e usuarias que a Piscina Municipal permanecerá parcialmente pechada desde hoxe por mor dunha avaría nas instalacións. O peche manterase ata novo aviso (previsión inicial dúas semanas), mentres non se poida rematar a reparación.
Debido a esta incidencia técnica, o uso da instalación sufrirá as seguintes modificacións: zona de auga, pechada por completo; servizo e actividades dirixidas no Ximnasio e Pilates, permanece ABERTO e poderá usarse con normalidade; vestiarios e duchas, NON se poderán utilizar as duchas; actividades dirixidas de auga, quedan suspendidas, esperamos poder recuperar as clases logo da reapertura da instalación.
21-05-2026 -

O Concello de Fene avanza nos traballos de roza e limpeza nas distintas parroquias

O Concello de Fene continúa desenvolvendo os traballos de roza e limpeza en diferentes puntos do municipio, no marco da planificación anual de mantemento e conservación das vías e espazos públicos.
Na actualidade, as actuacións xa foron executadas nas parroquias de Perlío, Magalofes, Barallobre e Maniños, mentres que nestes días os operarios están a traballar nas parroquias de Fene e Limodre. Unha vez rematadas estas intervencións, está previsto continuar coa parroquia de Sillobre.
21-05-2026 -

A Concellería de Cultura presenta parte da súa programación anual, un amplo abano de propostas totalmente de balde, dirixidas a todos públicos.

O Concello de Fene ven de acollerse un ano máis ás convocatorias de Cultura no Camiño (AGADIC) e Ler Conta Moito da Xunta de Galicia e a Rede Cultural da Deputación da Coruña para o ano 2026. Entre estas tres subvencións e os fondos propios, a Concellería de Cultura organiza a meirande parte da programación cultural anual do Concello. Trátase dun amplo abano de propostas totalmente de balde, dirixidas a todos públicos.
18-05-2026 -

As III Xornadas Literarias do Pote traerán a Fene á gañadora o Premio Xerais 2025, Abril Camino

A Concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA organizan unha nova edición das Xornadas Literarias do Pote (Maniños). A cita será o venres 12 de xuño a partir das 18.00 horas e incluirá presentacións de libros, charlas e feira literaria.
As Xornadas Literarias do Pote naceron “coa vontade de converter o noso concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas”. Un dos principais atractivos do encontro será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no evento: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais.
15-05-2026 -

O pleno de Fene aproba por unanimidade iniciar a contratación do novo PXOM

O pleno do Concello de Fene aprobou este venres o expediente de contratación do servizo de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un paso decisivo para actualizar o planeamento urbanístico municipal tras máis de vinte anos de vixencia do actual documento. A proposta saíu adiante por unanimidade.
O novo PXOM substituirá o documento urbanístico actualmente en vigor, aprobado definitivamente no ano 2003, e permitirá adaptar o desenvolvemento urbanístico de Fene á normativa actual, aos cambios sociais e ás necesidades territoriais, ambientais e residenciais do municipio.
15-05-2026 -

Concerto de As Pías no acto de presentación do libro gañador do XXXVIIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a presentación de Vestiario, poemario co que Paula Currás Prada gañou o XXXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que organiza a entidade fenesa coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior. O acto comezará ás 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar aforo. Ao remate actuará o grupo As Pías, concerto organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
As Pías é un grupo de música tradicional galega de corda e vento que interpreta pezas tradicionais galegas arranxadas: de cancioneiros, de composición propia e de autores/as amigos. Tocadas con instrumentos tradicionais de corda mas tamén de vento como a requinta, o pito e a gaita galegas, ten tamén pezas cantadas tradicionais do repertorio galego e portugués.
13-05-2026 -

O Concello de Fene aclara o funcionamento das taxas de depuración e lixo ante as dúbidas da veciñanza

O Concello de Fene quere aclarar diferentes cuestións relacionadas co cobro das taxas de depuración de augas residuais e do servizo de recollida e tratamento do lixo, ante as dúbidas trasladadas por parte da veciñanza nas últimas semanas. Desde o goberno municipal sublíñase que ambas cuestións responden á necesidade de garantir a sustentabilidade dos servizos públicos e ao cumprimento das obrigas legais e normativas vixentes, ao tempo que se está a procurar que a súa aplicación sexa o máis gradual e asumible posible para as familias.
13-05-2026 -

Os Concellos de Fene, Ares e Neda impartirán a partir do mes de xuño o obradoiro de emprego REINICIA XII

Financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o programa formará a 20 alumnos ou alumnas traballadores nas especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble (curso de nivel 1), Traballos de carpintería e moble (nivel 1) e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (curso de nivel 2 polo que require nivel de estudos de ESO ou equivalente).
Desde o inicio da súa participación no obradoiro, o alumnado traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación e a alternancia, polo que percibirá unha retribución equivalente ao salario mínimo interprofesional. E, ao remate do programa, o/a traballador/a terá o Certificado de Profesionalidade da especialidade realizada, amais de estar capacitado para continuar traballando na profesión adquirida.
12-05-2026 -

O Concello de Fene contratará a tres peóns ou peoas de obras no marco do programa PEL 2026 da Deputación da Coruña

Trala publicación das bases coa información sobre o proceso selectivo no Boletín Oficial da Provincia deste luns, 11 de maio, e na web municipal o Concello de Fene tramitará ao longo desta semana ante a oficina de emprego de Ferrol-Esteiro as ofertas de emprego para a contratación de tres peóns/oas de obras públicas para a realización de obras e servizos mínimos municipais, no marco do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.
As persoas traballadoras que se contraten deberán ser persoas desempregadas maiores de 16 anos e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas. Deberán ademais estar dispoñibles para o emprego e dentro da casuística que recolle o programa.
12-05-2026 -

Debuxando con tesoiras

No marco da VI mostra do alumnado Laudas Calamity que se amosa na Casa da Cultura, a escola de arte fenesa e o Museo do Humor Xaquín Marín convidan a nenos e maiores a participar este venres, 15 de maio, na creación dunha obra artística colectiva inspirada na obra de Henri Matisse. O obradoiro, cunha duración aproximada de hora e media, comezará ás 17 horas na sala de exposicíons temporais da Casa da Cultura. Vai dirixido a persoas de todas as idades a partir dos 5 anos (os nenos/as de 5 a 7 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta). Para inscribirse cómpre enviar -antes do venres ás 14.00 horas- un correo electrónico a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto.