Novas

13-02-2026 -

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios previstos no horario de apertura e atención ao público da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal Xosemaría, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais) por mor da celebración das festas do Entroido.
Así, o sábado 14 e o domingo 15 de febreiro estas instalacións permanecerán pechadas. O luns16 e o martes 17, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o 18 de febreiro, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada.
12-02-2026 -

Vacacións en paz 2026

Un ano máis o Concello de Fene fai un chamamento a todas aquelas familias que desexen e podan acoller temporalmente na súa familia a menores do Campamento de Tindouf durante os meses de xullo e agosto de 2026.
As familias interesadas disporán de todo o apoio e asesoramento que precisen para poder exercer este acollemento a través da asociación, Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí, que xestiona o programa. O Concello de Fene  sufragará os gastos derivados das viaxes dos nenos e nenas que sexan acollidos por familias deste Concello.
11-02-2026 -

Conta atrás para o Entroido de Fene!

As comparsas “Os Argalleiros”, “A Canteira do Puntal”, “As Xoaniñas de Chao”, “O Carnaval Intergaláctico do ANPA Belén”, “Os Colludos”, “Troupele Troupele”, “Manda Charanga”, “Imos que temos que ir”, “Os Parrandolos”, “As Superfenesas de Centieiras”, “Os Scratchados”, “As ovelliñas mansas de Semente de Trasancos”, “Feneración X”, “A Revolta de Trasancos” e “OJE Ferrol” son as 15 agrupacións que participarán este ano no desfile e posterior festival de comparsas que organiza o Concello de Fene.

Comeza a conta atrás para o Entroido, unha das festas máis importantes de Galicia que, en Fene, se concentra nas xornadas do Martes de Entroido e Mércores de Cinza. O programa comezará o martes 17 de febreiro na Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 18.00 horas coa Festa Infantil a cargo de La Guagua e a tradicional merenda -coa axuda da A.C. Os Tadetas- con reparto de lambetadas para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados.
10-02-2026 -

O Concello de Fene remata os traballos de mellora e dixitalización da rede de abastecemento

 O Concello de Fene vén de dar por rematados os traballos incluídos no proxecto de mellora e equipamento da rede municipal de abastecemento, unha actuación adxudicada por un importe total de 47.835,90 euros e orientada a mellorar a eficiencia do sistema e a reducir as perdas de auga.
Os traballos executados centráronse na mellora de tres instalacións estratéxicas da rede municipal de abastecemento, incorporando sistemas de control e dixitalización que permiten un seguimento continuo e en tempo real do funcionamento do servizo.
No bombeo de Lameiro levouse a cabo a renovación do cadro eléctrico e da aparataxe, unha actuación que permite rexistrar con precisión os caudais e mellorar o control sobre o funcionamento desta instalación. No bombeo e depósito do Catalán realizouse tamén a renovación do cadro eléctrico e da aparataxe, co mesmo obxectivo de facilitar o control e o rexistro dos caudais, contribuíndo a unha xestión máis eficiente da auga distribuída desde este punto da rede.
Pola súa banda, no depósito de Vilar do Colo instalouse un sistema remoto de control que permite coñecer en tempo real o nivel dos depósitos, así como parámetros clave como o cloro, o pH e a temperatura da auga. Ademais, este sistema incorpora a xestión de avisos e o control automático de niveis, mellorando a capacidade de resposta ante posibles incidencias.
10-02-2026 -

Cunha conferencia do investigador do CITMAga e profesor de Matemáticas da UDC Miguel Brozos continúa este xoves o ciclo Contando Ciencia

Baixo o suxerente título de Unha viaxe con curvas que nos pon os pelos de punta!, o profesor de Matemáticas da Universidade da Coruña Miguel Brozos falará esta semana en Fene sobre Xeometría. Fará un pequeno percorrido por interesantes curvas, dando resposta a cuestións tan dispares como: Cal é o tobogán máis rápido? Ou como se traza a curva dunha estrada ou dunha montaña rusa? Despois surfeará un pouco por superficies, analizando por que é difícil que non nos quede un remuíño ao peitear o pelo ou como podemos facer para detectar a colisión dun dron.
A conferencia, enmarcada no ciclo Contando Ciencia, será este xoves 12 de febreiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
05-02-2026 -

O Concello de Fene pecha o acceso ao paseo marítimo de San Valentín tras un desprendemento

O Concello de Fene vén de proceder ao peche do paseo de San Valentín, logo de que se desprendera parte da estrutura pola zona da rampla como consecuencia dos sucesivos temporais rexistrados nas últimas semanas.
Desde o goberno local pídese máxima precaución á veciñanza e rógase respectar a sinalización instalada, xa que o tránsito pola zona afectada supón un risco para a seguridade das persoas. O acceso permanecerá pechado ata novo aviso, en tanto non se avalíen os danos e se determinen as actuacións necesarias.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, xa axendou unha reunión de urxencia para mañá venres a primeira hora no propio emprazamento con representantes de Costas, co obxectivo de analizar a situación sobre o terreo e reiterar a necesidade de actuar no treito fenés do paseo marítimo, unha demanda histórica que o Concello vén trasladando en numerosas ocasións ante o progresivo deterioro desta infraestrutura litoral.
O Concello de Fene manterá informada á veciñanza das conclusións da avaliación técnica e das medidas que se adopten para garantir a seguridade e a recuperación dun espazo público moi utilizado pola veciñanza.
05-02-2026 -

Febreiro arrincou coa primeira sesión do Proxecto Indira

Coa presenza da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o Concelleiro de Benestar Social, Manuel Polo Gundín, onte deu comezo o Proxecto Indira. Un espazo de encontros semanais para mulleres no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións.

Nesta edición participan 19 mulleres. Traballarán o autocoñecemento e o autocoidado, a consciencia corporal, conectarán a través das vivencias de cada muller participante fortalecendo a consciencia como persoas de dereito e respecto. Poñerán en práctica ferramentas que lles permitan unha mellor xestión das emocións, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado de cara a empoderar as dimensións como persoa: mental, física e emocional.
04-02-2026 -

A exposición “10 de marzo do 72, a mirada artística de Xaime Quessada” inaugúrase este venres na Casa da Cultura de Fene

O acto, no que intervirán a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o vicepresidente da AC Fuco Buxán, Víctor G. Novás, comezará ás 19.00 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (entrada libre), onde poderá visitarse até o vindeiro 30 de marzo. Horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. As persoas que asistan á inauguración ou visiten a mostra poderán facerse cunha unidade didáctica da mesma, até fin de existencias. E os colexios ou asociacions interesados, poderán solicitar unha visita guiada enviando un correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal.
03-02-2026 -

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista

Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe martes 3 de febreiro 2026 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO MACHISTA acontecido onte en Mos (Pontevedra).
MARÍA BELÉN
de 52 anos

Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
03-02-2026 -

Valoración da alcaldesa de Fene do recoñecemento internacional ao mural “As Mouras” de Wedo Goás

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, celebrou o recoñecemento internacional do mural As Mouras, de Wedo Goás, como Mellor Mural do Mundo 2025 na categoría Expert Spotlight da plataforma Street Art Cities.
Destacou que “este premio volve situar a Fene no mapa mundial da arte urbana e confirma que a aposta polo Perla Mural Fest é unha aposta polo talento, pola cultura contemporánea e pola identidade”. Permuy felicitou ao autor, Edgar Goás, polo seu traballo “potente e profundamente conectado coa identidade do folclore galego”, e tamén á organización do Perla Mural Fest, “que con só tres edicións suman outros tres recoñecementos de Mellor Mural do Mundo, convertendo ao noso concello nun museo ao aire libre de referencia, do que toda a veciñanza pode sentirse orgullosa.”