A xornada Cultura para todas, acceso e inclusión nas actividades culturais, da Deputación da Coruña, reuniu onte á tarde na Casa da Cultura de Fene a unha nutrida representación das asociacións culturais e veciñais do Concello de Fene.
A actividade, centrada de xeito práctico nas “barreiras que existen nos proxectos e espazos culturais, e nas medidas de accesibilidade que se poden aplicar para reducir ou eliminar esas barreiras” contou con intervencións de: Rubén Capelán, xestor cultural de Mada Producións especializado en accesibilidade cultural, consultor de accesibilidade e técnico de accesibilidade auditiva; Fran Carreira, arquitecto e usuario de cadeira de rodas que desempeña parte do seu labor como asesor voluntario en accesibilidade universal, colaborando con administracións e entidades para mellorar a inclusión nos espazos urbanos e edificados en Galicia; e Aitana García, técnica especialista en Accesibilidade Cognitiva e Sensorial na Federación Autismo Galicia.