Xaquín Efrén Lago obtén a XXXIX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xaquín Efrén Lago obtén a XXXIX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Xaquin Efrén Lago Díaz, nado en Ferrol en 1979, obtivo hoxe a XXXIX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.

O xurado escolleu o libro de Lago, titulado deriva de entre as 56 obras presentadas a concurso este ano.

Trátase da XXXIX edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio. O certame conta coa colaboración do Concello de Fene. A obra gañadora publicarase na Editorial Espiral Maior.

O autor da obra gañadora estudou historia e música (percusión clásica e jazz), artes plásticas e deseño. Paseou unha breve tempada na facultade de música contemporánea da New School, New York, estudando a música dos compositores Morton Feldman e John Cage. dedicouse durante anos a tocar jazz e música de improvisación libre. Traballou como fotógrafo de prensa (El Correo Gallego), para unha comisión de patrimonio histórico (ICOMOS) e en varios centros públicos e privados de ensinanza musical. Ten inédita obra poética e narrativa.

O xurado deste ano estivo composto por:

Nieves Neira: poeta e xornalista nada en Lugo, é autora dun libro de cociña lenta, Neve en agosto, e o ensaio O feitizo de Maruja Roca, sobre esta fotógrafa de Castro de Rei.

Abraham Pérez: escritor galego, nado en Lugo. É graduado en Filosofía na USC e ten unha obra diversa na que sobrancea a poesía (Fragmentos/Creba, Unha teoría para os espectros, O corpo transparente das horas e Praia artificial) pero que se mergulla tamén na narrativa, no ensaio e na tradución.

Roberto X. Hermida, nado en Vilgarcía de Arousa pero pontés de adopción, é biólogo. En 2024 obtivo o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé co libro Pequena vida salvaxe.

A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, o 21 de novembro.