Risas con “Dous no camiño” este domingo en Sillobre
03-11-2026
Isabel Risco e Fran Rei protagonizan a función teatral Dous no camiño (As lendas Xacobea como nunca chas contaron) que se poderá ver este domingo, ás 11.30 horas, na SCRD. Agarimo de Sillobre, con entrada libre e de balde (función aprazada do pasado 17 de outubro). Dirixida por Avelino González a partir de textos de Roi Vidal e Xurxo Barcala, trátase dunha revisión e actualización a través do humor e o descaro das lendas xacobeas máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés, a da barca de pedra de Muxía e a do traslatio do Apóstolo Santiago de Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas.
Dous no Camiño pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas e dende unha visión actual. Ao longo do espectáculo, Isabel Risco e Fran Rei, de inicio unha peregrina e un peregrino de personalidades ben distintas e que se atopan accidentalmente nun punto do camiño, vanse transformando en todos os personaxes que protagonizan estas lendas: o cabaleiro Roldán, as irmás mouras, o Apóstolo Santiago, a Raíña Lupa e, moi especialmente, Teodoro e Atanasio, aloucados e divertidos discípulos do Apóstolo. Risas e sorpresas que nos darán a coñecer a historia do feito Xacobeo dun xeito ben peculiar, orixinal e divertido.
Función organizada pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia no marco do programa O teu Xacobeo.
