Cultura para todas desde Fene

Cultura para todas desde Fene

A xornada Cultura para todas, acceso e inclusión nas actividades culturais, da Deputación da Coruña, reuniu onte á tarde na Casa da Cultura de Fene a unha nutrida representación das asociacións culturais e veciñais do Concello de Fene.

A actividade, centrada de xeito práctico nas “barreiras que existen nos proxectos e espazos culturais, e nas medidas de accesibilidade que se poden aplicar para reducir ou eliminar esas barreiras” contou con intervencións de: Rubén Capelán, xestor cultural de Mada Producións especializado en accesibilidade cultural, consultor de accesibilidade e técnico de accesibilidade auditiva; Fran Carreira, arquitecto e usuario de cadeira de rodas que desempeña parte do seu labor como asesor voluntario en accesibilidade universal, colaborando con administracións e entidades para mellorar a inclusión nos espazos urbanos e edificados en Galicia; e Aitana García, técnica especialista en Accesibilidade Cognitiva e Sensorial na Federación Autismo Galicia.

Representantes da Anpa Ceip Os Casais, AVV Limodre, Felicia AC, SCRD Agarimo de Sillobre, CPS San Valentín, ACRD Liga de Amigos de Barallobre, Aetna, ACRD O Pote de Maniños, Perla Mural Fest, AC Centolos, CMI Unidade de Fene e Airiños de Fene, asistiron a esta xornada que comezou con mesas formativas para “contextualizar e poñer sobre a mesa as medidas que existen, poder velas e tocalas e saber como poder aplicalas e executalas nos proxectos e espazos culturais”. Posteriormente entrouse en áreas concretas de accesibilidade, como a cognitiva e a física, describindo as barreiras e solucións aplicables. E, para rematar, abriuse un tempo de consultas no que as persoas asistentes puideron expor as súas dificultades á hora de facer máis accesibles as súas actividades e/ou espazos culturais.