Novas

23-04-2026 -

O luns 27 de abril abre o prazo de inscrición para a III Milla Popular Interxeracional do Concello de Fene

O domingo 7 de xuño é a data escollida pola Concellería de Deportes de Fene para a celebración da III Milla Popular Interxeracional Concello de Fene, proba aberta a persoas de todas as idades, federadas ou non, tanto de Fene coma doutros concellos. As carreiras comezarán as 11.00 horas na Avenida do Mar de San Valentín aínda que, no caso de choiva, as de categorías escolares (desde prebiberón 1, aula de 3 anos, ata cadete, aulas de 3º e 4º da ESO) trasladaranse ao pavillón da Xunqueira, manténdose o resto de carreiras no circuito exterior (categorías sub 23, Senior e Máster). Ao igual que na pasada edición, as persoas participantes das categorías infantís ata benxamín (Prebiberón 1, Prebiberón 2, Biberón, Prebenxamín e Benxamín) poderán correr acompañadas dunha persoa adulta.
As inscricións son de balde e poderán formalizarse desde o luns 27 de abril, até as 13 horas do día 2 de xuño: presencialmente, no Departamento de Cultura e Deportes, en Avda. Naturais, núm. 44, entrechán, Fene; por correo electrónico, enviando a ficha de inscrición que figura na páxina web do Concello www.fene.gal a cultura.deportes@fene.gal; e, no caso dos centros de ensino, enviando a relación de alumnado participante ao correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou entregando o listado presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes. Tamén se recollerán inscricións individuais o sábado día 6 de xuño, de 10.30 a 13.30 horas, e o mesmo día da carreira de 9:30 a 10:30 horas.
23-04-2026 -

Internet seguro para menores

O concello de Fene en colaboración coa fundación Cibervoluntarios organiza un cursos de formación en competencias dixitais para familias, entre as datas comprendidas do 19 de maio ao 2 de xuño de 2026.
Trátase dun programa de formación en prevención familiar e comunitaria e ten como finalidade evitar o desenvolvemento e a consolidación de condutas de risco, promovendo estilos de vida saudables, tendo en conta a perspectiva de igualdade de xénero.
As inscricións realizaranse no centro municipal de Servizos Sociais na caixa de correo servizos.sociais@fene.gal.
 
22-04-2026 -

O encontro reunirá 25 escolas e 316 palilleiras de toda Galicia no pavillón A Xunqueira de San Valentín

O Concello de Fene celebrará este sábado, 25 de abril, unha nova edición da xuntanza de palilleiras, unha cita xa consolidada que reunirá no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, a un total de 25 escolas e 316 palilleiras.
A actividade desenvolverase en horario de 10.30 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde, configurándose como un amplo espazo de encontro arredor do encaixe de palillos, pero tamén de outras técnicas artesanais como o bordado, a calceta ou o patchwork.

Ademais, a xornada complétase coa presenza de diferentes traballos artesanais, nun ambiente aberto e participativo 
20-04-2026 -

O pleno do Concello de Fene desestima as alegacións do PP e aproba definitivamente os Orzamentos

O Concello de Fene celebrou hoxe un pleno extraordinario no que se acordou a desestimación das alegacións presentadas polo Partido Popular aos Orzamentos municipais para o exercicio 2026, quedando así aprobados de maneira definitiva.
Desde o goberno local sublíñase que o documento económico, cun importe superior aos 15,5 millóns de euros, constitúe unha ferramenta clave para garantir servizos públicos eficaces, reforzar as políticas de benestar social e impulsar investimentos no municipio.
Os Orzamentos de 2026 recollen actuacións relevantes en ámbitos como o urbanismo, coa revisión do PXOM; o reforzo dos servizos sociais e das políticas de igualdade; a mellora do mantemento e dos equipamentos municipais; e o avance nas condicións laborais do persoal do Concello.
Desde o Concello de Fene inciden en que a aprobación definitiva deste documento permite dar estabilidade á xestión municipal e avanzar na execución das políticas públicas previstas para este exercicio, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e reforzar o desenvolvemento do municipio.
17-04-2026 -

Mellor acompañad@

O concello de Fene en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia organiza un cursos de formación en competencias dixitais para maiores de 60 anos, entre as datas comprendidas do 5 e o 26 de maio de 2026 .
15-04-2026 -

A alcaldesa de Fene recibiu a ASPANEPS no marco do seu 45+1 aniversario

O Concello de Fene recibiu a unha representación da asociación ASPANEPS, entidade coa que o Concello mantén unha colaboración continuada e que este ano celebra o seu 45+1 aniversario. Durante o encontro, a entidade trasladou á alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o convite para participar no acto central conmemorativo, que terá lugar o vindeiro 16 de outubro e no que se darán cita profesionais, familias e persoas expertas nos ámbitos da infancia, a xuventude e a discapacidade.
ASPANEPS leva desenvolvendo o seu labor desde a década dos oitenta, consolidándose como unha ferramenta esencial na atención especializada á saúde mental infanto - xuvenil. Na actualidade, a entidade ofrece programas de atención temperá, intervención socioeducativa e outras iniciativas dirixidas a menores con discapacidade recoñecida, como o programa Oriéntame. Ademais, en Fene conta cun centro ocupacional dirixido a mozos e mozas maiores de 16 anos e persoas adultas con discapacidade intelectual.
 
14-04-2026 -

A catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero Rodríguez pecha esta semana o ciclo Contando Ciencia 2025-26

Cres que para estar sano hai que comer de todo? Partindo deste interrogante, a catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero Rodriguez falará este xoves en Fene sobre as claves para mellorar a saúde a través da alimentación. A profesora do Grao en Nutrición Humana e Dietética e do Máster en Innovación, Nutrición, Seguridad e Tecnoloxías Alimentarias afondará, durante a súa intervención no ciclo Contando Ciencia, naqueles “pequenos cambios na alimentación que poden ter un gran impacto no benestar da persoa”.
A charla será o xoves 16 de abril, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura con entrada libre e gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene e baixo a coordinación da mestra Violeta Miraz Seco.
10-04-2026 -

O XVI Concurso de Tapas de Fene arrinca hoxe cunha nova edición centrada na gastronomía local

Todo listo nas cociñas de sete locais de Fene para iniciar esta fin de semana o XVI Concurso de Tapas, unha iniciativa de dinamización económica e promoción da hostalería local que se desenvolverá até o 19 de abril.

Durante estes días, o establecementos ofrecerán as súas propostas gastronómicas en formato tapa, permitindo á veciñanza e ás persoas visitantes descubrir propostas variadas. O horario do concurso será os venres, de 20.00 a 22.00 horas; os sábados, de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas; e os domingos, de 13.00 a 15.00 horas, cun prezo único de 2,50 euros por tapa.
09-04-2026 -

O Concello de Fene remata a senda peonil do Camiño do Regueiro, que conecta San Valentín co límite con Neda

O Concello de Fene vén de rematar as obras da senda peonil do Camiño do Regueiro, unha actuación que permite conectar o paseo marítimo de San Valentín co límite co concello de Neda, mellorando as condicións de mobilidade e seguridade neste tramo.
08-04-2026 -

Aberto o prazo de inscrición para a xornada sobre mobilización e coidado das persoas dependentes que se celebrará o 23 de abril

Tralo éxito da sesión celebrada o pasado mes de marzo, a Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita será o xoves 23 de abril, de 16.30 a 20.00, na Casa da Cultura. Nesta ocasión abordarase o tema da Mobilización e coidados das persoas dependentes, centrándose o encontro en: dotar de habilidades aos coidadores de persoas maiores en mobilización, cambios posturais, hixiene postural, técnicas de mobilización, prevención de caídas e habelencias e coñecementos necesarios para coidar aos dependentes. O número de prazas é limitado e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene Tfno. 981 340 366 ou da sección de formación do Sergas

Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps vén de sumarse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas entre as que salientan unha andaina inclusiva o día 12 de abril, reparto de trípticos informativos, unha exposición que rotará polas asociacións do concello e instalacións municipais e xornadas informativas impartidas polo Servizo Galego de Saúde.