Coa actuación estanse a reparar as zonas máis deterioradas do firme, reforzando a seguridade dun dos espazos máis transitados do municipio
O Concello de Fene mellora da pavimentación do paseo de San Valentín
O goberno local enmarca estes traballos no plan continuado de conservación e mantemento dos espazos públicos
26-08-2026
O Concello de Fene está a realizar traballos de reparación e acondicionamento da pavimentación de lousa do paseo de San Valentín, unha actuación coa que mellorará o estado de conservación deste espazo, reforzando a seguridade das persoas usuarias.
A intervención céntrase na retirada das pezas de lousa que presentaban un maior deterioro, estaban soltas ou desniveladas, procedendo posteriormente á preparación da base e á súa recolocación. Deste xeito estase a recuperar a uniformidade do pavimento, eliminando os puntos que presentaban un maior desgaste polo paso do tempo e o uso continuado.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que "o paseo de San Valentín é un dos espazos públicos máis utilizados do noso concello, polo que resulta fundamental mantelo nas mellores condicións". A rexedora sinalou que "estas actuacións, aínda que poidan parecer pequenas, son moi importantes porque melloran a seguridade, a accesibilidade e a calidade dos espazos públicos que utilizamos no día a día".
Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, lembrou ademais que "o mantemento do municipio non se limita ás grandes obras. O coidado continuo das rúas, beirarrúas, paseos e zonas verdes é unha prioridade para este goberno, porque é o que permite ofrecer uns espazos públicos seguros e agradables para toda a veciñanza".
A actuación responde tanto a criterios de conservación como de seguridade, xa que o mal estado dalgunhas zonas do pavimento podía dificultar o tránsito peonil e aumentar o risco de tropezos e caídas.
Desde o Concello de Fene lembran que estes traballos forman parte do plan municipal de mantemento e conservación dos espazos públicos, que continúa desenvolvéndose de maneira progresiva en diferentes parroquias do municipio. O obxectivo é seguir actuando sobre aqueles puntos que presentan un maior deterioro para garantir que os espazos de uso público se manteñan en condicións óptimas de seguridade, accesibilidade e confort para a veciñanza.
